Sara Lage, modista: «Non só hai que verse estilizada co vestido de noiva»

YES

ÓSCAR CELA

Colle agulla e dedal. Se vas elixir o teu vestido de noiva, dámosche os trucos para escoller o traxe perfecto. Son moitos factores a ter en conta. Tamén inflúe a túa personalidade. Vaiche ganduxando, o teu deseño xa está aquí. Cóntacho a modista lucense Sara Lage

05 feb 2020 . Actualizado ás 23:54 h.

Coa chegada do ano, dáse por inaugurada a tempada de vodas. Si, si. Os noivos que teñen previsto casar neste ano hai xa meses que comezaron cos preparativos. Entre eses miles de asuntos que hai que ter en conta sobresae un por amais do resto: o vestido da noiva, o segredo mellor gardado. Para iso falamos cunha especialista en crear estes deseños. Ela é Sara Lage, modista -prefíreo a deseñadora- especializada en vestidos de noiva, e que só neste ano creará 60 traxes diferentes e personalizados para cada clienta.

O primeiro que hai que ter claro é que a noiva debe sentirse cómoda: «O vestido ten que ser un reflexo da túa identidade. Non é un disfrace nin nada polo estilo. Entón creo que tes que ser consecuente cos teus gustos persoais e co teu físico. É o máis importante. A día de hoxe hai moitísima información en Instagram , en blogues... e, ás veces, a xente dispérsase vendo imaxes doutras persoas que non son elas. Por amais de todo iso hai que ter claro como é o teu estilo, como che queres ver, e logo o teu físico».

UN PUNTO DE EQUILIBRIO

Non é doado chegar a este punto de equilibrio e Sara dáche algunhas claves: «O que vai máis axustado, estiliza máis que se levas un vestido algo máis frouxo. Pero se a túa estética é un pouco oversize, por que vas renunciar a iso? Creo que non só é interesante verte estilizada. Debe haber un punto de equilibrio entre unha cousa e a outra». Ás mozas moi delgadas «e sen moita curva» recoméndalles «irse a cousas máis frouxas, con máis caída». «Mesmo hai noivas que teñen un pouco máis de curvas que non queren verse tan marcadas e prefiren ir un pouco máis frouxas. Pero aí si que hai que buscar un pouco os volumes para que non se vexa demasiado ancho», sinala.

Á hora de deseñar un vestido de noiva, «hai que ter en conta moitos factores, non só os contornos. Se tes o talle longo, se o tes curto, se o ombro é ancho ou se é estreito... o que hai que intentar é que a silueta feminina estea compensada». Por exemplo, se o teu corpo é de cadeira ancha, ombro estreito e pouco peito, «sempre interesa dar un pouco máis de volume e forma á parte de arriba, marcar a cintura e que a cadeira non teña moita importancia, que vaia máis ao caer sen que quede cinguida. Consiste en equilibrar un pouco a parte de arriba coa de abaixo e marcar a cintura».

PRIMEIRA ENTREVISTA

Outro dos aspectos a ter en conta é a personalidade da noiva. No caso de Sara, sempre fai unha entrevista de hora e media para coñecer o carácter da súa clienta antes de expor ningún bosquexo: «Que che conte un pouco como vai ser a voda, que che ensine fotos súas, se ten outras imaxes que lle serven de inspiración de deseños que lle gustan... Aí é realmente onde vas traballando un pouco como é a personalidade da noiva. Non é o mesmo que sexa unha moza tímida ou que non, á parte do físico, se non quere ser o centro de atención, dentro de que inevitablemente o vai ser, ou que sexa extrovertida... son moitos factores os que entran para que o vestido de noiva sexa específico para esa moza».

Ademais de todos estes factores, nos vestidos nupciais tamén impera a moda. E nese sentido, a modista lucense ten moi claro o que leva esta tempada: «As mangas abullonadas, os tecidos con máis volume. Empézase a abandonar o minimalismo, a meter un pouco máis de ornamentación...Os vestidos de noiva son un pouco máis noiva e un pouco menos de rúa. Isto é a grandes liñas, porque logo a tendencia é un pouco relativa, porque nós facemos todo a medida, non temos colección. Pero si que van un pouco por aí».

Tamén é moi importante saber elixir aos acompañantes para gozar de todo o proceso e non angustiarse con imposicións alleas: «A voda non só é o día da voda, senón todo o que hai antes, todos os preparativos. Por iso, deben ir acompañadas de quen lles vaia a facer gozar dese momento, de persoas que pensen nelas e que as escoiten». Dio porque non é a primeira vez que ve que «non respectan» a opinión da noiva, que as condicionan» e sóltanlles sen pensar un «a min iso non me gusta que non é de noiva»: «Pero, polo xeral, adoitan vir acompañadas de xente que conectan con elas», di Lage que sempre recomenda a estes asesores que analicen primeiro «se ven á noiva así vestida».

Un traxe destas características leva moitas puntadas e horas de traballo. A Sara Lage pode levarlle entre cen ou duascentas horas rematalo: «Depende do vestido, de como evolucione, de se hai que facerlle cambios, de se leva moito traballo de bordado a man.... hai unha chea de cosillas que entran aí en xogo, pero si», explica quen comezou a especializarse en vodas case por casualidade: «Desde que rematei a carreira sempre fixen proxectos e desfiles. Todos eran en branco. E empezáronme a chamar noivas. Eu non reparara neste tema, pero logo pensei: ‘Igual por aí imos ben', e foi un pouco así».

Sobre se é moito máis difícil crear un deseño de noiva que un modelo de rúa, Sara opina que é moito máis traballoso: «O que o fai máis difícil é que ao final para elas é un día superimportante. Entón dubidan moito de se esta será a mellor elección, se non estarán equivocadas... Faino máis complicado todo o proceso, esa presión e á vez a ilusión que teñen. Todo iso o fai máis bonito, pero tamén máis complexo. E logo en canto á técnica si, é máis laborioso porque lle metes moitos máis detalles que a un vestido de rúa, máis bordados e cosillas que a nivel de elaboración son un pouco máis complexas».