«As graxas son necesarias na dieta dos nenos»

YES

CESAR QUIAN

Non hai que obsesionarse co colesterol, pero os bos hábitos axudan, subliña o coordinador da unidade de gastroenterología infantil do Chuac. O pediatra Alfonso Solar Boga revela as claves da saúde dixestiva dos nosos nenos e adolescentes

25 ene 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

1 Ve niveis altos de colesterol nos nenos e adolescentes?

Dos poucos estudos que hai sobre poboación galega, podemos concluír que un 7 % da poboación menor de 20 anos ten cifras de colesterol alto.

2 Como se detecta?

Cun control analítico que inclúe as cifras de colesterol total e de triglicéridos.

3 Inclúeo unha consulta rutineira?

Non. É un control que se ten que facer cando o pediatra de cabeceira detecta factores de risco familiares ou individuais. Un neno pode non ter ningún factor de risco persoal (como hipertensión, diabetes, obesidade) pero si ter no historial da súa familia cardiopatías, morte precoz antes dos 55 anos ou presentar un dos pais unhas cifras de colesterol moi elevadas. Neste caso, estaría indicado facer un control.

4 Que pesa máis, a xenética ou os hábitos?

En xeral, en poboación infantojuvenil, o peso é un 80% da xenética e un 20 corresponde a factores ambientais.

5 Non inflúe a mala alimentación?

Si, pero non hai que coñecer o nivel de colesterol dos nosos nenos para esforzarnos en que teñan hábitos saudables.

6 As claves da saúde dixestiva?

A primeira é que a graxa non é mala. Hai que ver que tipo de graxa é. Sobran as graxas saturadas, pero confundimos e tendemos a dar aos nenos dietas hipograsas, e isto non é correcto para eles.

7 Refírese aos produtos «light»?

Si. E a que as graxas boas (as dos peixes; a do aceite de oliva ou a dos froitos secos) son imprescindibles para os mozos. Se eliminamos esas graxas, limitamos as súas expectativas de crecemento. Evitemos a graxa de orixe animal dos embutidos e o exceso de carnes vermellas, pero os nenos deben consumir carne de ave. A graxa non é mala, é mala a graxa saturada (a láctea, a do aceite de palma ou a dos snacks). E co ovo hai un paradoxo: ten unha concentración de colesterol moi alta, pero é dos poucos alimentos que non teñen apenas graxa saturada.

8 Contra o colesterol, máis exercicio?

Si. Gastamos o diñeiro no ximnasio e usamos o ascensor en casa. Por que non subimos as escaleiras? Busquemos cousas sinxelas, como andar ou ir de excusión ao monte. As axendas pesan, pero hai que compartir o tempo cos fillos lonxe das pantallas. Intentemos pequenos éxitos, sen morrer por grandes obxectivos.

9 Cal é o nivel normal de colesterol en nenos e adolescentes?

Non hai que ser estritos, porque se basea en cifras superiores ao percentil 95 para a súa idade e sexo, pero non debería superar os 190 ou 200 miligramos nun neno.