Papá, quero ser tiktoker

YES

Internet

21 ene 2020 . Actualizado ás 17:53 h.

Iso de «papá, quero ser youtuber», forma parte do pasado. Porque talvez non o saibas, pero quedaches moi atrás. O futuro agora pasa por ser tiktoker, e á vista está que o negocio funciona. Esta fin de semana quedou claro na Casa do Libro de Santiago, desde onde informou a nosa compañeira Patricia Calveiro de que unha moza de 19 anos esgotou en só media hora as 450 entradas dispoñibles para a presentación do seu segundo libro.

Xa no 2018, contamos na revista YES que o Tik Tok, unha app chinesa de edición de vídeos musicais, engulira á súa predecesora musical.ly e era marca mundial de descargas. Mesmo descubrimos o estilo de baile que se inventaron os rapaces, o finger tutting, que engloba unha infinidade de coreografías cos dedos. O fenómeno non fixo máis que estenderse, ata o punto de que hoxe o Tik Tok é trending topic en toda casa de preadolescentes. O Fortnite dos móbiles. Pero toca lembrar que estamos a falar dunha rede social que rebaixa a idade mínima aos 13 anos e da que, en realidade, moitos nenos empezan a gozar desde os 10. Aí dentro teñen o seu propio perfil e un lenzo en branco para comentar e ser comentados. Abonda botar unha ollada para comprobar a infinidade de publicacións nas que o bullying e as montaxes insinuantes reinan entre rapaces que non teñen nin idea das consecuencias da súa exposición... nin de ser tiktokers.