Lugo pare antes

YES

khuncho007

A idade na que son nais por vez primeira as mulleres lucenses está máis preto dos 31 anos, mentres que as coruñesas chegan case aos 32. No medio, Ourense e Pontevedra

19 ene 2020 . Actualizado ás 21:58 h.

Pouco despois dos 31 anos, esa é a idade media na que as mulleres da provincia de Lugo foron nais por vez primeira no 2018, segundo os datos do INE. Case doce meses antes que as coruñesas, que recibiron a maternidade ás portas dos 32 anos. Na zona do medio atópanse as ourensás e pontevedresas, que son nais aos 31 anos e medio. As de Lugo están mesmo lixeiramente por amais da media nacional, que se atopa en 31 anos, mentres que as da Coruña se afastan case un ano do resto de españolas. Existe algunha explicación a estes datos? Pois non está clara. Polo menos así o indican os expertos: «A diferenza non é moi alta, pero si que é verdade que unas achéganse máis aos 31 e outras case aos 32. Non creo que haxa un fenómeno significativo en Lugo diferente en pautas de fecundidade ao resto das provincias españolas. Ás veces hai que ter en conta tamén como se calcula a idade media da maternidade, pode ter que ver coa estrutura de idades da poboación feminina de Lugo máis que cun cambio demográfico forte», indica a socióloga Raquel Martínez Buján, decana da Facultade de Socioloxía da UDC, que si destaca o atraso da idade á hora de ser nai. Martínez Buján tamén explica que participou recentemente na elaboración do informe Foessa, que revela aspectos interesantes sobre a caída da natalidade e o atraso da idade de ser nai.

MODELO FAMILIAR

Un complexo cambio sociolóxico no que participan varios factores: «Hai un cambio na estrutura das familias e da organización dos fogares que, ás veces, non se menciona. Pasouse dun modelo de familia onde había un único sustentador e unha única persoa dentro do fogar que era a que traballaba de xeito produtivo, a un modelo de organización familiar onde as mulleres se incorporaron ao mercado laboral. E nese cambio, non houbo un arroupe de políticas públicas eficaces en termos de conciliación laboral e familiar», explica a socióloga, que engade que os pais empezan aínda agora a implicarse nos coidados do fogar e dos nenos: «Son un conxunto de factores que fai que moitas mulleres atrasen a idade de ser nais», e onde ten tamén cabida que algunhas non queiran renunciar ás súas aspiracións profesionais. Entre esas causas tamén figura o feito de que «por cambios nos compoñentes de reprodución e de sexualidade, de afectividad e de valores na vida actual», agora as mulleres desexen ter menos fillos ou mesmo non telos, un fenómeno «que se vai incrementando ao longo dos anos e nas últimas décadas», aínda que siga sen ser unha porcentaxe moi elevada. No informe, indícase que só o 12,2 % das mulleres entre 18 e 55 anos non queren ter fillos.

DOUS FILLOS DE MEDIA

Pero, por amais de todo, Martínez Buján quere destacar un dato que lle parece moi rechamante e que invita á reflexión: «A min o que me parece relevante e a destacar en todo este proceso e que se menciona moi pouco é a porcentaxe de mulleres que teñen menos fillos dos que desexan, que segundo a enquisa de fecundidade do INE do 2018 é do 21,1 %. Cando se pregunta ás mulleres cantos fillos queren ter, impera de xeito moi maioritario a norma dos dous fillos. Con todo, o número medio de fillos por muller é 1,2 en España, co cal esta cifra está por baixo dos fillos que desexan ter. En cambio, o número de mulleres que non teñen fillos non é demasiado elevado, do 9 % para as maiores de 40 anos», aclara.

Desta porcentaxe de mulleres ás que lle gustaría ter máis fillos, un 20 % consideran que desexarían dar a luz ata tres nenos. Pero na maioría dos casos, aducen razóns laborais e de conciliación por amais doutros motivos á hora de non chegar á cifra desexada: «O 19,9 % das mulleres de entre 35 e 55 anos aducen razóns económicas e o 25,9 % razóns laborais e de conciliación. E iso é importante, porque non hai un marco normativo que acolla un modelo familiar sostible para ter fillos», e que permita compatibilizalo cunha profesión. O informe Foessa tamén incide en que «as razóns económicas, laborais e de conciliación convértense en elementos fundamentais que determinan o número final de fillos». «Unha de cada cinco mulleres ten menos fillos dos que desexaría, e talvez o descenso na natalidade está máis relacionado con ese colectivo que non teñen o número de fillos que queren que en que haxa un cambio total no compoñente reprodutivo feminino», di Martínez Buján.