«As paperas contáxianse polas gotitas que soltamos ao falar»

YES

MARCOS MÍGUEZ

A poboación diana deste virus que causou a baixa de varias xogadoras do Deportivo «son os mozos de entre 15 e 24 anos», apunta María José Pereira, xefa de Medicina Preventiva do Chuac. Se tes inflamación e febre alta, ve ao médico. Podería non ser unha simple gripe

10 feb 2020 . Actualizado ás 20:46 h.

1. Que provoca as paperas?

Son víricas, e o risco de transmisión está aí mesmo antes de que apareza o cadro clínico. Hai distintas explicacións. Primeiro díxose que podería deberse a unha mala función da vacina, que se dirixe a unha cepa en concreto e críase que non protexía adecuadamente. Agora pénsase que a protección pode ir descendendo co tempo.

2. É necesario un recordo?

Non de forma xeneralizada, aínda que pode haber algún caso concreto que se valore. É das primeiras vacinas incluídas no calendario xa no ano 81.

3. Como se contraen?

Transmítense coas gotitas gordas de fluxo que soltamos ao falar, respirar ou estornudar.

4. Canto duran os seus efectos?

Teñen un período de incubación de entre dúas e tres semanas, con febre elevada e inflamación das glándulas parótidas, as salivares que están a ambos os dous lados da cara. Veñen acompañadas de malestar e dor muscular.

5. En que poden derivar se se complican?

O máis grave no caso masculino é a inflamación testicular, que pode provocar infertilidade. Nas mulleres, pode estenderse ao sistema nervioso central e derivar nunha encefalitis. En casos excepcionais, pode ser mortal.

6. Estamos ante un repunte?

Parece que onde hai máis casos é en Santiago e en Vigo. Na Coruña están a incrementarse desde setembro, pero dentro do esperable. Os datos de vacinación do 2018 indican que hai unha boa cobertura.

7. E a que se debe entón este repunte actual?

Cada cinco ou seis anos aumentan os casos, pero ten que ver con ese descenso da cobertura da vacina co paso do tempo. Talvez agora nos sorprenda máis porque se lles dá máis importancia a este tipo de cuestións, e máis cando se producen nun ámbito coñecido como o exemplo do Deportivo.

8. En que ámbitos hai máis?

Nos que están máis en contacto cos mozos, como pode ser a universidade ou os deportes. As idades nas que máis brotan son entre os 15 e os 24 anos.