«Acostumámonos a unha dose maior de ibuprofeno»

YES

CARMELA QUEIJEIRO

Por que o ibuprofeno de 600 necesita receita médica? Cales son os seus efectos secundarios? Cando e canto tempo débese tomar? Fala Rosana Castelo, vogal do Colexio de Farmacéuticos da Coruña

30 novs 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

1 Esixir receita para tomar ibuprofeno 600 miligramos non crea o efecto contrario, que algúns dobren a dose do de 400?

Traballo no centro de saúde e non teño ese contacto da dispensación da farmacia, pero cónstame que nas farmacias se informa de que a dose de 400 é unha dose eficaz para aliviar a dor, a febre e síntomas inflamatorios. E que a recomendación sempre en calquera antiinflamatorio é tomar a menor dose posible que controle os síntomas.

2 Peros antes tomábase sen problema...

Durante moito tempo tivemos só no mercado o de 400. Non existía o de 600 e era un medicamento efectivo para aliviar a dor. Talvez os propios profesionais sanitarios temos responsabilidade nisto, en que acostumamos á poboación a tomar unha dose maior. Se cadra tócanos desandar o que andamos e incidir na mensaxe de que a dose de 400 miligramos é efectiva en moitísimos pacientes e aqueles que non noten un control efectivo na dor poderían utilizar unha dose maior. Iso si, non é unha novidade que se requira receita médica para a dispensación do ibuprofeno 600.

3 E que riscos implica?

As doses máis elevadas poden producir máis problemas a nivel cardiovascular. Dose de ata 2.400 miligramos ao día, catro tomas de ibuprofeno 600, ten descritos máis problemas trombóticos, que dose de 1.200 miligramos ao día. Isto é especialmente importante en pacientes que xa teñen algún problema relacionado con estas patoloxías. Tamén esta dose máis alta pode ter maior problema de sangrados dixestivos, máis hemorraxias gastrointestinales.

4 De que dependen estes efectos?

Do tempo do tratamento e da dose. Unha dose illada de 600 miligramos non ten consecuencias maiores, pero se un paciente se toma reiteradamente dose de 600 miligramos, hai evidencia científica de que pode ter máis problemas a nivel trombótico e de sangrados gastrointestinales.

5 E na poboación de risco?

No caso de anciáns ou xente que teña unha función renal xa alterada polas súas patoloxías ou enfermidades, os antiinflamatorios como o ibuprofeno poden facerlles máis dano. Tamén nos empeora a hipertensión. Debemos dicir que son medicamentos moi eficaces, pero que só se deben tomar cando é estritamente necesario, no menor tempo posible e a menor dose posible. Ese é a mensaxe fundamental.

6 Débense tomar co estómago cheo ou baleiro?

En xeral deberían tomarse co estómago cheo. Iso minimiza a irritación nas mucosas dixestivas.

7 E cando se debe deixar de tomar?

No momento no que o paciente non teña febre ou dor non ten ningunha necesidade de tomalo.