«Chamáronme egoísta por non querer ser nai»

YES

MARCOS MÍGUEZ

«Non son antiniños, pero non me provocan esa tenrura que espertan noutras persoas», asegura Cristina Ramos, de 42 anos, que ten un can e un gato

23 novs 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

«É unha batalla que non está feita para min». Cristina Ramos teno claro: ela non quere ter fillos. «Non son antiniños, pero non me provocan esa tenrura que espertan noutras persoas». Ten 42 anos, un can e un gato. E un negocio propio: «Encántame estar ao meu aire. No traballo tes que cumprir, así que ao saír gústame dedicarme tempo para min, non ter compromisos. ¡E que maior compromiso hai que un fillo!». A decisión tomouna hai moito tempo: «Recordo que unha amiga tivo o seu primeiro fillo cando eu tiña 29 anos. Fun a vela ao hospital e alegreime moitísimo por ela. Pero nese momento pareime a reflexionar e pregunteime: é realmente iso o que quero? E a resposta foi clara: non». Do seu círculo máis íntimo de amigas, dúas foron nais e tres decidiron non telos. «Hai que ser moi valente para dar o paso e saber moi ben a que che vas enfrontar. Paréceme digno de admirar, pero non está feito para min».

«Que che coiden de maior»

Cristina recoñece que algunha vez se cruzou con persoas que non entendían a súa decisión: «Chegáronme a dicir que era moi egoísta por non querer ter fillos. Pois a min me parece máis egoísta telos e dicir que o fas para que che coiden despois de maior». Máis razóns polas que Cristina ten claro que non quere ser nai: «O mundo que deixamos, cada vez máis contaminado. Non quero contribuír a iso. Tamén penso na educación, en todos os problemas cos que teñen que lidar como pais, como o bullying».

Recoñece que nunca tivo instinto maternal, que lle gusta pasar moito tempo consigo mesma: «Gozo moito das miñas horas soa, en casa, dando un paseo co meu can, pero non sinto que necesite nada máis na miña vida». Cristina pensa nos seus pais e volve argumentar a súa decisión de non ser nai: «Véxoos e doume conta de que sempre están preocupados pola miña irmá e por min. Dá igual a idade que teñamos, sempre seremos nenos para eles. E eu non quero iso: non quero chegar á xubilación e preocuparme porque o meu fillo non ten unha estabilidade».