Unha cousa detás doutra. O noso cerebro é secuencial. Necesita primeiro facer unha cousa e logo outra. O que si pode é cambiar dunha tarefa a outra con moita rapidez. Pero non che confundas, non podes prestar atención a dúas cousas ao mesmo tempo

SUSANA ACOSTA

Crees que podes, pero non. O teu cerebro non está preparado para escribir no computador mentres falas por teléfono, escoitas a radio de fondo e pos a quentar a comida. O máis probable é que escribas algo ilexible, non teñas atendido a nada do que che dixeron por teléfono e quedáchesche sen comer porque se che queimou o xantar. Si, porque aínda que penses o contrario, non podes ser multitarea.

«Non é posible porque o noso cerebro é secuencial. Unha cousa detrás doutra. Non pode facer dúas cousas á vez. O que fas é cambiar dunha a outra con rapidez e aí é onde está a multitarea. Pero o problema é facelo con eficiencia. Somos tan rápidos que parece que o facemos á vez. Por iso dicimos: ‘Eu fago cinco cosas á vez, estou coa tablet, vendo a tele e atendo todo ao mesmo tempo'», explica José Ramón Silveira, médico adxunto da unidade de Psiquiatría do Chuac que considera que neste caso «poden pasar dúas cousas: que non che esteas decatando de nada e creas que si, que é o máis frecuente. Ou que esteas sobreesforzando tanto a mente ao cambiar tan rápido dunha tarefa a outra que a estás estresando».

E pon dous exemplos. Un refírese ao feito de que estamos moi acostumados conducir escoitando a radio. Isto é así porque lle prestamos máis atención á radio, mentres a condución se fai dun modo automático: «Teño tan aprendido o proceso físico de conducir e de vixilancia da estrada que son capaz de prestar máis atención ao que estou a escoitar. É verdade que coa radio ese nivel de atención que necesito é menor e podo atender á condución a un nivel adecuado. Pero xa cando usamos o teléfono móbil ou o WhatsApp, xa require un nivel de atención superior. Por iso é unha das causas máis importantes de accidentes e é así porque xa non somos eficientes e non temos a suficiente capacidade para cambiar tan rapidamente dunha tarefa a outra», di. O outro exemplo, refírese ao feito de ir camiñando e falando por teléfono na rúa: «Camiñar telo interiorizado. Sempre lle prestas máis atención a falar por teléfono, pero chegas a un semáforo e nese momento un coche case che pilla, entón tes que preguntar a quen che está falando: ‘Perdoa, que dixeches?' Cambiou a miña atención por un estímulo externo e non son capaz de atender ao que me dixo a outra persoa por teléfono».

NÚMERO ÓPTIMO DE TAREFAS

O noso cerebro percibe a tarefa que ten que facer, logo selecciona a resposta que dar e, para rematar, execútaa: «E hai un tempo de reacción entre a percepción e a selección da resposta. Tamén hai un número óptimo de tarefas que podemos facer unha detrás doutra. Cada persoa ten unha capacidade. Se nos pasamos disto, o que estamos a facer é deixar de ser eficientes, sobrecargar a mente e aí si que pode aparecer un problema mental. Está o estrés, que non chega a ser aínda unha enfermidade, ou a inquedanza, que si o é», explica Silveira.

Unha opinión que tamén é compartida pola psicóloga Alejandra Dotor: «Non podemos esixirnos máis do que o noso cerebro pode facer. Entón é moi importante telo en conta para non acumular niveis de estrés que acaben nunha enfermidade, na inquedanza. Ou imos piano piano, tarefa a tarefa ou se nos apiñan e aí supéranos a nivel físico. Poden vir dores de cabeza, un cansazo extremo... Temos que ir cousa a cousa, unha a unha, cando remates unha comezas coa seguinte, podes pór unha lista coa orde a seguir, que logo podes cambiar a medida que van sucedéndose as cousas», recomenda.

E que hai daquilo que se di que as mulleres somos capaces de facer dúas cousas á vez? Silveira ten clara a súa resposta: «Non hai ningún fundamento que diga que as mulleres tedes un cerebro máis dotado para atender á multitarea porque funcionamos dun xeito secuencial e somos iguais. O que pasa é que as mulleres socialmente si estades máis adestradas ou a vida adéstravos máis neste cambio de atención cara á multitarea. Védesvos obrigadas a aproveitar máis esta capacidade e ides máis ao número óptimo de tarefas que podedes facer. Mesmo tamén pode haber maior estrés e inquedanza nas mulleres. É o mal uso da multitarea, o facelo continuamente é o que vos fai estar máis adestradas», explica o que é tamén presidente da Asociación de Psiquiatría de Galicia.

Para Dotor, a explicación está no feito de que «estamos máis atentas aos estímulos. O home pode ir por parcelas. Abre unha caixa, ocúpase dela, péchaa e abre outra. E as mulleres estamos máis pendentes do exterior. Somos máis sociables, máis de prever cousas, de organizar tarefas...», conclúe.