«Conseguín que unha muller adelgazase 80 quilos nun ano»

YES

MARCOS MIGUEZ

Polas súas mans pasan a diario persoas que queren adelgazar e non saben como. «Os profesionais debemos suplir esa falta de vontade e axudalos», di Ana Golpe, que é partidaria do bocadillo para merendar, pero de fiambres curados, non ultraprocesados

23 abr 2020 . Actualizado ás 14:48 h.

Cal é o erro que máis cometemos para engordar?

Chegar a casa despois de traballar e empezar a coller todo o que hai na neveira: un bocadillo, un anaco de queixo, un iogur, un refresco.... Se a iso lle sumas a vida social da fin de semana: o viño, o gin tonic, unhas canas... pois nos disparamos de peso.

O maior veleno que tomamos é...?

Os ultraprocesados. Cando imos ao supermercado e compramos galletas, refrescos azucarados, bollería industrial, pan industrial, fiambres como a cabeza de xabaril, a mortadela, o pavo…

Entón, que fiambre dámoslle aos nenos?

Pois queixo, xamón serrano, chacina, un chourizo caseiro, ibérico.

Facemos mal en darlles bocadillo de merenda?

Non, non. O bocadillo de toda a vida é perfecto, pero de xamón serrano, chacina, queixo, non fiambre ultraprocesado. Hai que comer fiambres que teñen un curado natural. Eu son partidaria de merendar un bocadillo, un plátano, unhas noces, un iogur natural cunhas froitas… Os nenos gastan moita enerxía.

Parece que os nutricionistas rifádesnos todo o tempo: non comas isto, non o outro…

Agora sabemos que somos o que comemos, que moitas das enfermidades están relacionadas con alimentos que levan nos nosos supermercados só 30 anos. Hai moitas alerxias, dermatitis atópicas. Hai que volver aos produtos da terra ou aos que procesamos nós.

Cal é o alimento que deberiamos inxerir todos os días?

Cinco racións de verdura e froita, importantísimo. Proteína, entre un 20 e un 25%; as graxas boas, un 30%, e un 40% de hidratos de carbono (incluídas as froitas).

O zume de laranxa pola mañá si ou non?

Si, agora estano demonizando e paréceme que unha persoa pode tomarse o zume e logo ao longo do día unhas pezas de froita. Xa vai tomar fibra no resto da froita. Se non quere masticarla pola mañá, pois que se tome un zume. Con tal de que tome cinco pezas de froita.

 

Non é unha esaxeración cinco pezas?

Non, dous ou tres no almorzo; unha a media mañá, outra a media tarde… Se poden tomar, non é para tanto. Todos no almorzo deberiamos tomar 3 pezas de froita.

Polas túas mans pasou moita xente, cal é a que baixou máis peso?

Unha muller de 40 anos que baixou 80 quilos, un logro moi grande. Pesaba 160 e adelgazounos nun ano, sentiuse ben sempre, porque se foi adaptando moi ben á dieta. Ademais non facía exercicio.

Como comemos os galegos?

Nas casas das avoas séguese comendo de pota; callos, lentellas, caldo, guisos clásicos, a tortilla de pataca... Que son comidas moi potentes e moi calóricas e son insanas, se non comes con moderación, por iso recomendamos que se siga cociñando en casa, pero de forma máis lixeira. No canto de facer o caldo cun óso de touciño que metas un de tenreira, ou un zanco de pito. Trátase de facer caldos e sopas máis lixeiras. Hai que comer quente, pero máis lixeiro. Os galegos no inverno comemos quente e de guisos de pota, en xeral, con graxa. A xente nova é certo que xa non cociña así.

Máis información sobre o tema