«Que ti teñas relacións con alguén do teu sexo non te converte en gay»

YES

SANDRA ALONSO

A psicóloga asegura que o da orientación sexual é un dilema que cada vez adiantan máis os rapaces. «Se o sexo é antes, hai unha urxencia por etiquetarse tamén antes», indica Tilve, que di: «Etiquetas hai poucas, pero sentires hai tantos coma persoas»

06 novs 2019 . Actualizado ás 14:08 h.

Se hai alguén que coñece ben os conflitos sexuais da adolescencia esa é Noa Tilve, coordinadora dos centros Quérote+ da Xunta en Galicia. «Teñen un cacao que non saben diferenciar a identidade da orientación sexual, e mesturan cuestións de xénero e de vestimenta coa orientación de cada un», sinala a psicóloga, que celebra o cambio que percibe nas aulas dende que comezou a percorrelas no 2006: «De ser un motivo de discriminación pasou agora a manifestarse en público abertamente, non no cen por cento do alumnado, pero si que é algo que na aula se di e incluso se apoia, aínda que ás veces están pasados de rosca».

-Que lles preocupa máis aos adolescentes sobre a súa sexualidade?

-Temos un abano moi amplo, dende temas vencellados co seu propio corpo e o seu funcionamento nos encontros sexuais ata cuestións de embarazos ou infeccións. De feito, un dos nosos recursos é a realización da proba rápida do VIH. E despois tamén tratamos cuestións relacionadas coa autoestima e as relacións. Pero todas as súas preocupacións poderían resumirse na dúbida constante que temos na adolescencia de saber se o que me está pasando, o que estou sentindo e como estou funcionando no plano sexual, é normal ou non.

-Que difícil responder a iso. Que é o normal?

-Claro, e parte do noso traballo é desmontar esa historia. Partimos do concepto de que hai tantas sexualidades coma persoas e de que somos moi diversos. Ao mellor o que lles está pasando é moi frecuente, pero como non se fala diso, ou fálase dende a mitoloxía, os estereotipos e os prexuízos, a súa percepción é que non é tan frecuente.

-Que é o que máis vos alerta como profesionais?

-Hai dúas cuestións clave. Unha é evidente, que é a preocupación polo embarazo e polas infeccións, pero, por outro lado, e é algo que non ten tanta visibilidade e creo que hai que darlle máis, está o sufrimento persoal, emocional e psicolóxico que teñen. Esa preocupación e esa ansiedade constante de preguntarse «o que me está pasando é normal ou non?». E o feito de non contalo e gardalo durante tempo. Hai rapazas que veñen cunha situación que levan aguantando seis meses, e dis ti: «Como é posible?».

-Referímonos á violencia machista?

-Por exemplo, si, si. Temas de control, ou da vestimenta, de ter encontros sexuais non tendo ganas, polo feito de que levan tempo en parella e a ela non lle apetece pero a el si e fano... Vemos un sufrimento, unha baixa autoestima, e que se senten menos que os demais.

-O sexo adiantouse. O dilema da orientación sexual tamén?

-Si, todo é antes, e hai unha urxencia por etiquetarnos nese aspecto tamén antes. A medida que medras vas querendo formar parte de grupos, e cando chegas á adolescencia, máis. A nivel deportivo, musical, de redes sociais, co seguimento de influencers… Aquí pasa o mesmo, unido a unha presión interna de saber que son, e ás veces tamén a outra externa dos propios compañeiros e da sociedade para que ti te categorices e poñas unha etiqueta.

-Hai anos este era un tema tabú nas aulas, e agora afortunadamente xa non o é. Notades que están confusos ao respecto?

-Eu dou un paso para atrás e creo que o problema é xa conceptual. Teñen unha mestura de conceptos que non saben diferenciar a identidade da orientación, e mesturan cuestións de xénero e de vestimenta coa orientación de cada un… Ti vas a unha aula e sáeche o concepto homosexual ao lado de travestí, ao lado de heterosexual, ao lado de bisexual e ao lado de pansexual. Entón dis ti: «Meu deus, é todo un totum revolutum!». A miña identidade é a miña identidade, e non ten nada que ver coa miña orientación. Eu podo ser unha muller masculina e non por iso teñen que gustarme as mulleres. Teñen un cacao de sexo, xénero, identidade, orientación, atracción amorosa...

-Oen campás e non saben onde.

-Claro, e que eles din travestí e transexual, pero non son o mesmo. Mesturan moitísimas cuestións. No momento que tes que pensar en quen es e fáltanche termos, ou non tes claras as posibilidades que tes, vas telo complicado. Que temos de positivo? Que se empeza a falar dos planos. Antes non había opción, eras muller ou home e heterosexual, e xa está, non había confusión ningunha. No momento en que empeza a haber visibilización, un vocabulario máis amplo e alternativas, podemos empezar a ter que poñer un pouco claras as cousas.

-Que é o que lles axuda a definir a orientación sexual?

-O que es e o que che gusta ten que ver co que sentes, non é unha cuestión educativa, de modas nin de pensar hoxe unha cousa e mañá outra. Ten que ver cos sentires, e os sentires son difíciles de definir. Ti es muller porque te sentes muller. E por que te sentes muller? No intento vas quedando case sen argumentos, porque non é polos xenitais que tes, nin pola roupa que pos… Ao final ten que ver co que ti sentes. A orientación sexual maniféstase cando eu sinto atracción por mulleres ou por homes, e non é algo que eu poida cambiar. Se eu vexo unha película e me produce tristeza, prodúceme tristeza.

-A pulsión sexual é clave? Cal é a liña definitiva que marca a orientación?

-A miña orientación sexual non ten por que ir da man das miñas prácticas sexuais. Eu podo ser unha persoa heterosexual e experimentar unha relación sexual cunha muller e gozala, pero non sentir atracción polas mulleres, senón que mantiven ese encontro sexual porque o decidín. Como dous homes que se masturban xuntos non teñen por que ser homosexuais. E ao revés. Eu podo sentir atracción por homes e decidir emparellarme cunha muller. Existe tamén unha toma de decisións. Hai xente que todo o conxuga e vai na mesma liña: sinto atracción por mulleres, teño prácticas sexuais con mulleres e identifícome como lesbiana. Aí non hai confusión. Pero hai outras persoas que senten atracción por mulleres e deciden estar con homes. O frecuente é que a xente busque a coherencia entre o que desexa e o que experimenta. Pero é isto inamovible? Hai un intervalo, podemos movernos entre un punto e outro. Non é unha cuestión estática de «eu son heterosexual e vou selo sempre».

-De aí a confusión coa bisexualidade?

-Hai persoas que poden ser un cen por cento, que única e exclusivamente desexen ao mesmo xénero, pero tamén hai persoas, por exemplo, que son un 90-10. Claro, as 90-10 ao mellor nunca chegarán a coñecer a unha persoa do mesmo sexo coa que relacionarse, pero hai quen si, e xusto se emparella con ese dez por cento. E xa son lesbiana porque coñecín a unha muller? Aí vemos o tema da limitación das etiquetas. Etiquetas hai poucas, e sentires hai tantos coma persoas.

-A identidade sexual de xénero adquírese entre os 3 e os 5 anos. A orientación?

-É moi variado. Hai prepúberes que xa empezan a identificar atracción, interese e desexo polo outro. E logo hai xente con 7 ou 8, pero tamén con 13 ou 14.

-Tamén hai moitos sentimentos que os rapaces aínda non entenden.

-Claro, ti pensa que estamos falando de cuestións básicas de educación emocional. Quen nos fala do namoramento? Do que sentimos cando alguén nos atrae ou nos gusta e de que facemos con iso que sentimos? É un mundo que temos bastante abandonado. Falamos de educación sexual, de embarazos, de infeccións, pero que pasa co mundo dos sentimentos? Non nacemos aprendidos á hora de xestionar o que sentimos e de interpretalo, entón paréceme natural que sintan confusión. Como non a van sentir?

-O papel dos pais é determinante. Cando o fillo ten 15 e non manifesta interese por ninguén, ás veces quedan á expectativa e terminan preguntándose o mesmo ca eles: é normal?

-A situación máis favorable é que lles dean alternativa. A min pasoume co meu fillo, que, con 4 anos, xa lle preguntaron: «e tes moza?». Non esperaron para ver que é o que manifesta, senón que dende infantil xa che están preguntando en función do teu sexo sobre a parella que se espera de ti con 4 anos. O meu fillo xa tiña que ter unha moza. E como pai tes que darlle a opción.

-A certa idade é máis frecuente que expresen o seu interese por nenos e nenas ou que o garden?

-O que é maioritario ou máis frecuente a xente acostuma a mostralo sen dificultade ou pudor. Aínda que non todo o mundo, porque hai xente que é pudorosa sexa cal sexa a súa opción. Segue habendo discriminación e persoas que ofenden e humillan por ter determinada orientación sexual. As cousas van avanzando, pero aínda queda por avanzar. E dentro diso non todo está igual. A homosexualidade está máis avanzada que a bisexualidade.

-Ás veces frivolizan co tema como consecuencia da confusión que teñen?

-Nós levamos indo aos institutos dende o 2006, e nestes trece anos notei un cambio nas aulas. De ser un motivo de discriminación pasou agora a ser algo que se manifesta en público abertamente, non no cen por cento do alumnado, pero si que é algo que na aula se di e se apoia. Outra cousa é que ás veces están pasados de rosca, e que lles parece que ter un amigo bisexual é guai. Imaxino que é un proceso que temos que pasar para integrar esta diversidade como unha riqueza humana.

-Segue a haber riscos con xogos sexuais como o da ruleta rusa, no que elas ían pasando dun rapaz a outro?

-Hai tempo que non nos chegan esas situacións, pero en chicos xa maiores oímos falar a nivel estatal do change sex, que son encontros sexuais relacionados co consumo de drogas. Aínda non aquí en Galicia, pero si se está a falar diso. En canto a infeccións, en Galicia seguimos en descenso, pero hai máis por facer.