A ilusión do primeiro día de cole

YES

Con tan só 2 anos, Andrea estrea cole por primeira vez na súa vida. A ilusión deste día só se pode comparar cunha máxica noite de Reis. Leva meses recreando ese momento. Iralle xenial. Seguro

11 sep 2019 . Actualizado ás 12:43 h.

Si, xa cumpriron tres anos ou están preto de facelo. O tempo pasou sen que apenas che deas conta. Fai nada o mecías nos teus brazos. Dábaslle un deses coliños que tanto lles gusta. Aínda llo segues dando. E agora, de súpeto, empezan o cole. Por primeira vez na súa vida. Así de doado e de duro á vez, aínda que a ti aínda che custe asimilalo. O teu fillo acaba de deixar de ser un bebé. ¡Que forte! E, como verán eles esa nova etapa? Como se imaxinan ese cole de maiores? Para moitos é unha das citas máis especiais do ano. Albergan case a mesma ilusión que a dunha máxica noite de Reis. Para outros, pode chegar a ser un pouco máis difícil ao principio, pero están feitos doutra pasta e non tardarán en facerse donos dese novo universo que lles acompañará durante moitos anos.

Andrea é unhas desas nenas que hoxe cruzou por vez primeira a porta do colexio. Con apenas dous anos -cumpre tres en outubro- leva varias semanas desexando ir a clase. O Gándara-Sofán, en Carballo, é o cole que os seus pais elixiron para ela. O mesmo no que estudou a súa mamá, María Caamaño: «Si, está moi ilusionada porque todos os días dígolle que agora é unha nena maior que vai ir ao cole». Antes mesmo de empezar, Andrea xa visitou as instalacións. Foi en xuño e quedou prendada do parque infantil que había no patio do colexio: «Houbo un día que nos reuniron a todos os pais e os nenos e chegou alí encantada da vida. Viu que había columpios e tobogáns e gustoulle moito. Á hora de entrar á clase chorou un pouco porque quería seguir no parque, pero despois nada, xa entrou e quedaron os nenos na clase, e ela alí estivo moi contenta», tanto que ao día seguinte xa lle preguntaba cando ía volver: «De momento está moi ilusionada. Despois veremos. É raro o día que non me di que vai ir ao cole, cos outros nenos, ela sempre menciona algo», confesa a súa nai.

Andrea é unha nena moi sociable. Encántalle falar cos nenos e ter amigos, por iso a súa nai non cre que chegue a ter problemas, a pesar de que nunca foi á gardería. María é autónoma e ten a sorte de poder estar ao coidado dela e do seu irmán, de apenas un ano: «É un cambio total e radical, e ademais aínda non ten nin os tres anos. Empeza pequeniña», confesa a súa nai, que está convencida de que pode custarlle máis a ela separarse da súa filla que á nena. A favor de Andrea xoga que na súa clase serán só trece cativos. Todo un luxo que permitirá que os pequenos se sintan como en casa: «Ademais algúns deles son veciños e coñéceos», di.

«Como será a primeira mañá... Non sei. Supoño que me vai custar deixala. Un pouquiño, si. Ves que xa se está a facer maior. Os anos pasaron sen que te decatases», di a mamá de Andrea uns días antes de empezar o curso, e nun intento de reter os anos máis inocentes da súa filla.

Máis aló dos primeiros días, María pensa máis a longo prazo e recoñece que lle vai custar non estar todas as mañás ao lado da pequena: «Iso é o peor, porque pasas de estar en todo momento con ela a ter que deixala esas horas. É como a primeira vez que dormen fóra da casa. Están de marabilla, pero acórdaste seguido. Miras o reloxo, miras o móbil por se te chaman... Notas que se está facendo maior», asegura.

INMORTALIZAR O MOMENTO

Os últimos días antes de empezar o cole foron de preparativos, que se o mandil, que se unha mochila, que se roupa nova para levar a clase.... Pero se algo tiña listo e preparado a mamá de Andrea para o primeiro día era a cámara do móbil. Desde que saíu de casa, María non parou de facer fotos do primeiro día da súa filla no Gándara-Sofán, todo un acontecemento: «Home claro, hai que inmortalizar o momento», confesa esta veciña de Carballo. Mentres, Andrea non pode disimular a ilusión do primeiro día de cole da súa vida. Os seus ollos ilumínanselle, sorrí feliz. Camiña salerosa, case con présa. Que bonita é a inocencia. ¡Benvida, Andrea, ao mundo escolar! Agárdanche miles de aventuras e bos momentos. Seguro. E ti? Aínda che acordas dos teus primeiros días de clase?