O socorrista máis atractivo das piscinas galegas

YES

ANGEL MANSO

Na piscina municipal de Vilarmaior (A Coruña) a xente tírase coa boca aberta

08 sep 2019 . Actualizado ás 10:11 h.

A piscina municipal de Vilarmaior (A Coruña) a xente tírase coa boca aberta. Na instalación ao aire libre deste concello traballa como socorrista José Francisco Vilariño Castiñeira, Míster Internacional A Coruña 2020, e que tamén fai os seus primeiros pasos como modelo. Ten 25 anos, é natural de Bemantes, Miño, e fórmase como actor na escola CasaHamlet da Coruña, de Manuel Lourenzo e Santiago Fernández.

«Estudo Arte Dramática e, como necesitas fotos para enviar ás produtoras, contactei cun fotógrafo profesional. Fixemos unha sesión e comentou que quedaba ben o meu perfil en cámara, e animoume a que me metese no mundo da modelaxe», lembra mentres ao fondo escóitanse as voces e os risos dos veciños que acoden á piscina. Contar co socorrista máis atractivo de Galicia terá servido de reclamo este verán? «¡Ja, ja. Non é precisamente unha piscina de xente nova. Veñen nenos e xente maior, de trinta e pico para arriba», aclara. Chámalles maiores aos de trinta e algo, vaia depresión está a entrarme. Fran Vilariño formouse na axencia coruñesa Mayve, onde realizou un curso profesional de modelo e empezou a probar sorte. «Participei en varias pasarelas e mesmo na Madrid Fashion Week. Alí interesouse por min un novo deseñador de Boston e o venres (por onte) viaxo a Nova York para ver se me van saíndo traballos», avanza. Mentres tanto, a auga doce de Vilarmaior queda sen o hercúleo socorrista. «Non hai problema. Coincidiu ben porque xusto esta semana pecha a piscina», asegura. Pois agora que setembro parece que nos trae por fin o verán, os veciños de Vilarmaior quedan sen piscina e, o que será peor para moitas e moitos, sen o socorrista máis atractivo.

En busca do mellor pan

Cóntame Fran que á devandita piscina tamén se lle coñece como a do Tres, por estar preto da Feira do Tres. Este verán perdinme polas estreitas estradas desta zona en busca do mellor pan. Hai algún tempo, nun deses miles de ránkings que existen sobre calquera tipo de produto imaxinable, situaron ao pan elaborado na panadería Pan do Tres como o mellor de España. Desde que o lin tiven ganas de facer unha escapada por esa marabillosa contorna próxima a Monfero, Betanzos ou Miño, onde se perde ata a moza de Google Maps.

A panadería é unha casa-nave sen demasiado encanto a primeira vista, pero o interior é outra cousa. José Luis Miño, o propietario do negocio, presenta un aspecto de xenio envolto en fariña. Véxoo ao fondo, no obrador, mentres que o resto da familia atende no mostrador do comercio. «Isto é o que queda», comentan, e sinalan os andeis e cestas que están xa case baleiras. O próximo día está claro que hai que chegar un par de horas antes, como mínimo. Escollín entre o pouco que me ofreceron e non puiden agardar a chegar ao destino para probalo. Estaba buenísimo. Dos mellores que probei. Non é o ideal para lucir un corpo como o de Fran, pero que lle imos facer.