«Puxémoslle Grecia porque nos coñecemos alí»

YES

PACO RODRÍGUEZ

20 jul 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Esta historia comeza cando Ana Valín era moi pequena e ao seu pai gustáballe transformar en orixinais contos infantís as lendas da mitoloxía grega que falaban de Hércules, a Medusa... Estes relatos calaron tanto nela que non só se fixo escritora para contar as súas propias historias, senón que «sempre tiven claro que cando tivese vacacións e diñeiro para pagalas iríame coñecer Grecia, porque non é un lugar para visitar en só cinco días». O seu desexo por fin cumpriuse no ano 2008, cando fixo as maletas, «collín a miña libretita para escribir, que é o único que necesito, e funme soa de viaxe».

A outra parte desta historia está protagonizada polo canario Israel Jiménez. Á súa avoa tocoulle unha viaxe para percorrer o mundo, pero como a muller tiña problemas de mobilidade, regaloullo aos seus fillos e netos. Nunha excursión organizada para coñecer Atenas Ana e Israel subiron no mesmo autobús, e alí xurdiu o amor. «El di que foi un flechazo, e eu defínoo como amor a primeira palabra, porque eu non me namoro do que vexo, senón do que oio e cóntanme. Desde aquel día xa non nos separamos», lembra Ana Valín.

Desde o primeiro día

Foi a mesma noite na que se coñeceron cando decidiron o nome que lle porían á súa filla. «Estabamos a cear e falando do noso futuro e a xente preguntábanos canto tempo levabamos xuntos, porque parecía que eramos noivos de toda a vida. Ese día xa decidimos que lle poriamos Grecia porque nos coñecemos alí».

De regreso a España, Israel veu a Galicia para seguir cos seus estudos de Belas Artes, mentres que Ana sumaba á súa carreira de Xornalismo a de Maxisterio. Oito anos despois de subir a aquel bus vían cumprido un dos seus soños en forma de embarazo. «Eu xa a chamaba Grecia desde o principio, sen saber nin sequera se era unha nena, así que cando fixemos a primeira ecografía xa non nos sorprendeu que nos dixesen que acertaramos. O certo é que nin pensaramos outro nome por se era neno, tiñámolo moi claro».

Agora que a pequena dos seus ollos creceu, xa están a pensar en darlle un hermanito ou hermanita a Grecia: «Aínda que esta vez deixaremos que o nome o elixa ela, que lle fai ilusión».