O troco de roupa sae do armario

YES

CEDIDA

INTERCAMBIO ECOLÓXICO. Selene Buendía puxo en marcha na Coruña un mercadillo co obxectivo de alongar a vida da roupa e no que a moeda de pagamento é cambiar unha peza por outra

13 jul 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Pensa: Cantas prendas gardas no armario ás que lle tes cariño, pero que nunca che pos? Cantas veces pensaches ‘xa mo porei' e nunca o fas? Coa idea de coidar un pouquiño máis do planeta e de fomentar un consumo responsable e sostible, Selene Buendía decidiu retomar na Coruña a práctica máis antiga: o troco de roupa.

«O máis sostible que existe é o que xa non ten que volver producirse. Por moito que fabriques dunha forma ecolóxica non hai nada máis eco que o que xa existe», asegura Selene, estudante de moda sostible. Coa idea de concienciar aos seus amigos e de ir facendo piña para cambiar pequenos hábitos «e ser conscientes do valor do que consumimos», decidiu organizar un intercambio de roupa co fin de convertelo en algo habitual e xornal: «Todo o mundo ten un vestido de abelorios que se puxo só unha vez. Sería xenial poder organizar un mercadillo para o intercambio de roupa antes de Nadal e poder compartir entre todos roupa ou complementos que poden ter unha segunda vida».

DE COMPRAS NUN CAFÉ

«Elixín un lugar no que todo o mundo se sentise cómodo, unha cafetería, neste caso A Olímpica, e as normas para participar no intercambio eran sinxelas: traer roupa que estivese en bo estado, as mesmas boas condicións nas que che gustaría levarche a nova peza para casa», explica Selene. O tope máximo para facer o troco: 5 pezas, «principalmente desta tempada». «Por cada peza entregábase unha etiqueta con puntos que equivalían ao valor e tipo de peza que achegases para o troco». O resultado: «Trátase de facer circular a túa roupa no canto de tela gardada no armario».

«Moitas veces imos a unha tenda e comprámonos unha camiseta que custa tres euros. Como foi barata, se cadra só cha pos unha vez, ou mesmo non chegas nin a estreala. Esa camiseta queda aí. E a idea destes mercadillos de intercambio é darlle valor a esa peza: lembrar que detrás desa camiseta hai xente que traballou en ela». O obxectivo final, segundo Selene, «alongar a vida da roupa». «Incluso o intercambio che pode servir para atopar pezas que despois podes utilizar para customizar e crear outras novas», asegura. A primeira experiencia foi boa e está a pensar xa en preparar unha segunda edición: «Viñeron os noivos dalgunhas amigas e xa dixeron que se ían apuntar e que ían traer tamén as súas pezas para o intercambio».