O paraíso ten nome de superheroe

YES

Adrián Baulde

ASÍ É A PRAIA DE LAPAMÁN. Unhas vistas impresionantes da ría, area finísima e branca, augas cristalinas e unhas postas de sol que son un auténtico espectáculo. Se amais o acompañas dun bo mojito, pódese pedir máis?

22 novs 2023 . Actualizado ás 13:56 h.

O acceso principal a este areal con nome de superheroe non fai presaxiar o que che atopas cando pisas a praia. Aparece un auténtico cadro de Monet nada máis pór un pé na branca e finísima area. A ría de Pontevedra preséntase ante os teus ollos como un cadro impresionista. O mar ábrese á túa vista cunha infinita paleta de azuis e verdes. Ao fondo, Sanxenxo, Raxó e Combarro. E protexendo a ría, Ons. O cadro péchao maxistralmente a punta de Beluso. Esa é a primeira impresión e que che deixa xa marabillado. Pero Lapamán ten moito máis por descubrir.

 Poucos son os que van por vez primeira e non queren repetir. Este areal é o punto de encontro dos veciños de Bueu, Marín e Pontevedra, pero tamén dun bo número de turistas que repiten cada ano. Porque ademais das visitas, o que é fiel a esta praia, vai sempre que pode. E cada un ten o seu sitio. Todo o mundo sabe onde se instala tal ou cal grupo. A zona principal do acceso é máis familiar. Tamén é a opción preferida polos turistas. E a medida que avanzas cara ao final, vanse salpicando os grupos de mozos. Xa na pequena cala do Muíño Vello, o ambiente é moito máis xuvenil. Boa culpa diso ten o chiringuito que leva o nome desta cala e que conseguiu crear unha comunidade e clientela fixa desde hai varios anos: «Hai cuadrillas que veñen todos os días desde Vigo», explica Rubén Paz, que abriu as portas deste emblemático local fai xa sete anos e onde triunfan os mojitos: «Pomos moitos ao día. Mesmo vén xente do outro lado da praia a tomalos», asegura.

Cando sobe a marea esta cala independízase por unhas horas de Lapamán. Pero iso non impide que a xente se siga instalando alí. Hainos que se mollan ata a pantorrilla para poder deixar a súa toalla no pequeno areal. Outros prefiren subir polas rocas, cal cabra montesa, e ataviados con todos os bártulos. Todo con tal de non mollarse os pés. E tamén os hai que optan por baixar por un pequeno carreiro que dá acceso tamén á cala.

A praia do home lapa, como ben a denominou hai uns días Xabier Fortes, é o Caribe galego con maiúsculas. A Galifornia da que tantas veces se fala. A area é tan, tan fina que se arrastras os pés con ímpeto, podes crear unha banda sonora ao teu paso. E tan, tan branca é que cega nas horas centrais do día. Non hai palmeiras, pero si un abrigo de árbores verdes e frondosas, que ben poderías pensar que che atopas nun areal caribeño. E a auga é tan cristalina que podes verte a punta dos pés dentro dela. Ademais, ao ser unha praia de dentro de ría, a auga non está tan, tan fría. E o areal é tan, tan chairo que cando baixa a marea, a beira convértese nun ir e vir de bañistas neste improvisado e natural paseo.

Un paseo natural

Este particular paseo permíteche ir camiñando aos areais da Coviña e O Santo. Mesmo podes acceder a pé á illa deste último areal sen mollarche os nocellos. Todo un luxo para os adultos e unha auténtica aventura para os nenos. Iso si, hai fanecas bravas, bravísimas, aínda que depende do ano. Son como os pementos de Padrón, que uns pican... vaia se pican. O paraíso tamén ten as súas sombras. Se non estás acostumado, debes usar fanequeras, sobre todo, con baixamar. Durante a pleamar non hai tanto problema. Pero tamén hai un método infalible para evitar que che piquen. Arrastrar os pés mentres avanzas na auga. Escorréntaas e evita que pises o seu envelenado lombo, aínda que Paz puntualiza que non é tan infalible: «Pican mesmo arrastrando os pés», di. No peor dos casos, sempre poderás pedir amoníaco ou auga quente nos chiringuitos da praia. Este último moito máis efectivo.

Amelia, que rexentou o chiringuito do acceso principal durante máis de 30 anos e que xa se xubilou, tiña sempre o botiquín preparado. Era tan amable que só con verlle a cara xa parecía que che doía menos. Tamén está o bar de Lino , un clásico da praia. E onde Javier Solana acudía á primeira hora da mañá tras darse o paseo matinal cada vez que viña de vacacións. E na baixada principal, o Arrieiro Praia, xusto nas escaleiras. Ideal para buscar sombra os días de moita calor.

Punto e á parte teñen os atardeceres en Lapamán. Mesmo hai quen baixa só para velos. O cadro de Monet cambia de paleta e os tons ocres, avermellados e mesmo malvas son un auténtico espectáculo. Poucos areais hai cunha posta de sol tan bonita. Cando Lorenzo cruza a liña do ocaso, deixa unha explosión de cor no ceo arroibado, mentres as gaivotas aproveitan aos poucos para instalarse na praia. Despedir o día neste areal é un momento máxico.

Esa explosión de cor acompáñase co ritmo constante das ondas que chegan á area. E faise de noite, sen que apenas che deas conta. É Lapamán. O paraíso. E chegas a casa renovado. Coa alma cargada de boas sensacións.