«As vacacións, mellor repartidas que un mes seguido»

YES

MARCOS MÍGUEZ

«Cunha semana, o cerebro xa interpreta vacacións», afirma a psicóloga Eva Sández, que receita «o comodín dos días soltos» máis que o descanso concentrado. Os nenos no verán «necesitan parque e piscina. E o refuxio dos pais», asegura a especialista. E ti, cóllelas todas xuntas ou as repartes? Participa e opina aquí

10 ago 2021 . Actualizado ás 17:18 h.

1. Que necesitan sobre todo os nenos en vacacións?

Actividade física e desconexión. Todo profesional adulto necesita, mínimo, un mes de vacacións...

2. Un mes seguido?

Non. As vacacións, canto máis repartidas, mellor. Cunha semana, o cerebro xa interpreta vacacións. É mellor o comodín dos días soltos, repartidos en varios momentos do ano, que gozar dun mes seguido e verse cun horizonte sen períodos de descanso. Mellor dúas quincenas ou varios períodos de sete ou dez días.

3. Por que?

Porque así evitariamos máis o risco de sufrir a síndrome posvacacional.

4. Non aos deberes no verán?

Os nenos necesitan o parón para que as súas neuronas recuperen, relaxarse e aburrirse, para evitar problemas como a inquedanza ou adiccións. Hai que baixar a estimulación. Podemos reforzar algunha materia con algún caderno pequeno ou algunha hora pola mañá, pero debería ser algo moi puntual.

5. A receita estival para os pequenos é máis conexión coa natureza?

A receita é parque. A cansarse ao parque. E á piscina. ¡A nadar e descargar!

6. É adecuado facerlles agasallos polas boas notas?

Teriamos que matizar por idades, pero en xeral non é adecuado. O neno debe traballar a motivación interna, para previr a inquedanza e lograr forxar unha boa autoestima.

7. A consola como agasallo de fin de curso non é a mellor opción...

Entre os 9 e os 12 anos fórxanse variables de autoestima e de capacidade de tolerancia á frustración. Regalar unha consola polas notas tradúcese en que o neno, no canto de valorar o esforzo e o mérito, o que valora é o agasallo. Despois, se non teñen a compensación polo que fan vanse frustrar. Iso dá lugar a unha espiral consumista. Non deberiamos usar o condicional «Se aprobas todo, regáloche...». Aprobar é o seu traballo.

8. Cales son os principais motivos de consulta no verán?

Sobre todo, terapia familiar. Ao pasar máis tempo en familia, adoitan xurdir máis conflitos.

9. Máis consultas por adicción ás pantallas?

Si, ás tablets e aos móbiles. A da tablet é unha adicción que adoita empezar cuns simples debuxos.

10. Coas dicultades para conciliar, a tónica é moito campamento. Ou facer dos avós monitores.

Os nenos necesitan un niño. Aínda que vaian ao parque cun avó, deberían durmir sempre en casa na medida do posible. Hoxe co sobreestimulados que están, necesitan o refuxio nos pais, esa seguridade.