Uns noivos de máis de 4 metros

YES

YES

07 jul 2019 . Actualizado ás 19:44 h.

Foi unha voda ao grande. A ligazón de máis altura do verán. O noivo, Sergio Olmos, mide 213 centímetros. A noiva, Claudia Calvelo, 192. Se sumamos, o resultado é espectacular, máis de catro metros de noivos. Pero ambos, ademais de por a talla física, destacan pola súa talla humana. Son tan boa xente como grandes. Os dous combinan os estudos e o traballo co baloncesto.

Ela é filla do coruñés José Manuel Calvelo, que chegou a xogar na ACB. Hai algún tempo contáronlle ao xornalista de La Voz Pablo Gómez como se coñeceron. Foi en Burgos nun concerto dunha banda tributo a Bob Dylan. Nas súas biografías aparecen moitas cidades debido ao seu percorrido deportivo. Sergio, de 33 anos, é natural de Elda, Alacante, e chegou a xogar no Básquet Coruña. Na actualidade, milita na Fundación Club Baloncesto Selecta. Precisamente polo Grupo Hafesa Raca Selecta acaba de fichar Claudia, que ata fai nada xogaba no Ensino de Lugo. Ela, enfermeira, el, matemático, e ambos os pivotes en Granada. Para celebrar a voda escolleron o pazo de Santa Cruz de Mondoi porque Galicia e A Coruña sempre serán a súa casa. De feito, bailaron un vals fusionado cunha muiñeira. Os responsables do establecemento, David Lousa e Antonio Amenedo, decidiron posar coa parella, iso si, subidos a un chanzo para poder estar, máis ou menos, á altura. «Entre os noivos e que moitos invitados eran tamén xogadores de baloncesto o resto pareciamos hobbits», asegura Lousa. Que gocen da lúa de mel, das súas primeiras semanas de casados, dos respectivos campionatos que empezarán dentro duns meses… Pero que saiban que a expectación vai ser grande cando decidan ser pais. O futuro do baloncesto español poden ser os fillos de Claudia e Sergio. Canto medirán ao nacer? No canto de canastilla regalaranlles unha canastra.

O tuétano

Lembro o óso golpeando contra a madeira. Algunhas veces había que axudarse da punta dun coitelo ou dun tenedor para conseguir que o tuétano asomase. Tamén me acordo das frases dos maiores que estaban sentados á mesa: «Ten todas as vitaminas, proteínas e minerais que unha persoa necesita. Se o tomas, vas crecer moito e moi san». Do que tampouco me esquezo é que non me gustou nada as poucas veces que non tiven escapatoria e tíveno que probar. Quen sabe se crecese como Sergio Olmos. Hai unhas semanas acudín a un dos famosos catro mans que organizan os responsables do restaurante Bocanegra da Coruña. O chef local Pablo Pizarro compartiu proposta gastronómica con Dani Carneiro, da Cosmopolita de Málaga, un local de éxito nesta localidade. O menú comezou cunha gilda de sardiña, anchoa Sanfilippo e pemento de Padrón co obxectivo de dar a benvida aos comensais a unha fusión entre o norte e o sur. A partir de aí, unha sucesión de pratos moi logrados entre os que destacou o tartar de gamba e tuétano. Impresionoume ver o óso que os meus pais golpeaban partido en dous de xeito transversal. «Hai varios xeitos de preparalo. Nós deixámolo no forno a baixa temperatura unhas horas e ao final dámoslle un golpe de ferro», explica Pizarro. A combinación co tartar resultou interesante, pero o que máis me agradou foi utilizar unha culleriña para rascar o tuétano e untarlo nun pouco de pan coma se fose foie. Ao día seguinte levanteime algo pesado de estómago porque é un prato contundente para unha cea e máis se o tomas a cucharadas como fixen eu. Iso si, noteime un pouco máis alto e máis forte, case como os namorados pivotes que estes últimos días se dixeron un «si, quero» de altura.