Os zapatos galegos que arrasan en Londres

RITA ÁLVAREZ TUDELA

YES

cedida

PISANDO FORTE Dous ordenses, Laura e Pablo Villasenín, están a cargo de una das empresas con máis éxito de Londres, Miista, coa que non renuncian ás súas raíces, nin a experimentar co deseño sen esquecerse da artesanía

15 abr 2019 . Actualizado ás 09:48 h.

A deseñadora de zapatos galega Laura Villasenín sempre tivo claro que quería facer algo creativo. Tras facer as maletas e chegar ao Leste de Londres no 2000 comezou a súa procura por crear unha firma de zapatos cun enfoque moi colaborativo e con ideas diferentes para lanzarse á industria da moda.

Ao principio foi unha procura na que descifraba o que quería facer. Empezou con cursos de moda, de belas artes e deseño de interiores, ata que se decantou por facer un grao en zapatería no London College of Fashion, o mesmo curso que fixeron outros deseñadores, como Jimmy Choo, Camilla Elphick e Sophia Webster.

TODO FEITO A man

«Chamoume a mestura de artesanía co deseño industrial do produto e o cheiro a pel. Deume a sensación de que ese era o meu lugar», explica Laura. Tras acabar os estudos, recoñece que empezou o negocio dunha forma moi inocente porque non tiña experiencia a nivel de desenvolvemento de negocio, só en equipos de deseño. Iso non foi un problema porque tiña «unha chea de enerxía e un espírito de facer as cousas de forma diferente». Laura tiña claro que había un oco no mercado para facer algo como Miista, o nome da súa marca, que engloba un produto cómodo, artesán e con deseño, pero á vez contemporáneo, nunha chiscadela á muller moderna, irreverente e cosmopolita. En Miista experimentan con moitos materiais, pero ao mesmo tempo usan técnicas moi artesás de trenzado e de pel para os zapatos, ou con anudados e unha soa peza para os bolsos que empezaron a facer. Predomina a atención ao detalle, pero tamén que todo está feito artesanalmente en pobos próximos a Alacante, en Elda e en Elxe, mantendo unha tradición que se remonta ao século XIX.

ABRIRÁN EN NOVA YORK

O seu irmán Pablo uniuse fai tres anos, ocupándose do desenvolvemento dun negocio imparable. No 2017 abriron a súa primeira tenda física en Londres e tamén en Barcelona, despois chegou de París, no barrio de Lle Marais. Teñen plans tamén para abrir pronto en Nova York e Milán.

Os irmáns queren xerar unha experiencia diferente para o cliente, baseado no detalle, e coa idea de engadir un servizo de reparación e prolongar a vida do calzado, que ben parece unha obra de arte. Agora, rara é a semana na que as súas coleccións non aparecen nalgunha revista e as súas campañas rompedoras son un éxito en redes sociais. E ensinan a xente que hai detrás do produto cada vez máis. «É superimportante o que fan», puntualiza Laura, unha apaixonada do mundo vintage, que atopa inspiración nas galerías de arte.

Sempre miran ás súas raíces, Ordes, entre Santiago e A Coruña, para non esquecerse do ambiente colaborativo como forma de vida, nin do xeito de traballar. Recoñecen que todo é sen grandes recursos, apenas son 24 empregados.

«Temos ganas de facer ben as cousas, estamos orgullosos do que facemos e hai que ser perseverantes, demostrando que é posible facer algo diferente, pero cun concepto creativo ponible e alcanzable», expón Laura na tenda de Londres.

A súa idea é crear unha comunidade entre os seus clientes, que comparten un interese polo que está a pasar, por cuestións políticas e a actualidade. Desde o principio, Miista tomou partido, ten ideais e divírtelles xerar interese, pero sen esquecer de onde veñen, a calidade, o deseño e a artesanía.