«Serramoura», canteira de estrelas

YES

MARCOS MÍGUEZ

O Macondo da ficción galega ten nome propio, «Serramoura». Un fenómeno televisivo que serviu de escaparate para o audiovisual patrio e de plataforma para unha xeración de intérpretes que agora triunfan en producións nacionais

16 abr 2019 . Actualizado ás 00:41 h.

Foi un pobo inventado o que puxo á ficción galega no mapa. «En Madrid hai directores de reparto que saben que hai unha serie dunha vila na que morre moita xente que funcionou moi ben en Galicia». Cóntao Miguel Canalejo, mentres se acomoda nos estudos de Voz Audiovisual que son como a súa segunda casa e onde reunimos a tres dos protagonistas da produción. Con el están Isabel Naveira e Tito Asorey. Para todos, Serramoura -en antena desde o 2014- supuxo o mellor escaparate no que proxectarse. Canalejo, máis coñecido polos espectadores como o inocente axente Quique, vive dacabalo entre A Coruña e Madrid. Para os televidentes tamén é Abraham, un mozo con síndrome de Asperger. Desde o 2017, un personaxe crave na engrenaxe de Cóntame como pasou. «Serramoura foi o comezo da miña carreira, pensei que ía ser unha oportunidade para un par de meses, pero aquí sigo, case cinco anos despois, compaxinando as dúas gravacións», di Miguel. O seu paso polo cuartel da Garda Civil do thriller «é o traballo máis importante da miña carreira. Fixen a proba para Cuéntame un luns e o xoves xa estaba rodando. Se podo facer ben o meu traballo alí é porque teño a tranquilidade e a experiencia destes anos de bagaxe», engade. Fai unha confesión: «Penso que hai un punto de envexa en Madrid. Sempre din: ‘En Galicia estades a facer de todo’». Un intérprete andaluz, cuxo nome prefire non revelar, «a ..prendeu galego para probar sorte aquí»

BAIXO A LUPA DE MADRID

Os seus compañeiros de aventuras asenten a todo o que Miguel apunta. «Unha importante directora que está a dirixir agora varios proxectos en Madrid díxome que sempre que ten como primeira opción aos actores galegos, e non é galega!», exclama Isabel Naveira: «O audiovisual galego, como sector, está mirado desde fóra. Saben que, se chaman, imos responder. Confían en nós como exportadores de ficción». ¡E talento!, habería que engadir. «Madurei como actriz en Serramoura», asegura Isabel. O final do camiño, Fariña, As mozas do cable... A intérprete non para desde que encarna a Raquel Neira. «Como actriz que superou os 40 anos estou moito mellor do que estaban as miñas compañeiras hai dez, que digo!, hai cinco anos. Comeza a haber papeis para nós. As series xogan un papel moi importante como espello do que pasa na sociedade», reflexiona.

Como a ela, a Tito Asorey a serie halle permitido dar o salto á ficción nacional. «Todo o mundo di: ‘Que industria tedes en Galicia!’. A min, que me dedicaba ao teatro, Serramoura abriume as portas do mundo audiovisual. Collín horas de voo ante a cámara. Logo, unhas cousas chaman a outras. Madrid está chea de actores galegos, pero xa non é o número, senón a calidade, o que destacaría. A boa consideración que se nos ten. Levamos moitas horas de rodaxe ás costas», explica Tito, un dos personaxes de Servir e protexer.

O auxe de plataformas como Netflix abre novas fiestras internacionais. «Vou ter que pórme en serio co inglés», chancea Isabel, que se despide cun desexo: «Que Galicia non quede atrás neste momento de eclosión das ficcións en todo o mundo».