Sacerdotes gais

Fernanda Tabarés DIRECTORA DE V

YES

MARIA PEDREDA

08 dic 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Ruppert Everett saíu un día do armario para decatarse despois de que o cine non estaba preparado para ofrecerlle a un actor gai papeis de hetero. En Londres falou estes días da súa interpretación de Óscar Wilde e denunciou que os avances conseguidos nestes anos en Europa están en perigo. Os reaccionarios de todas as épocas adoitan coincidir nas súas teimas. Someter á muller adoita ser una as súas preferidas e perseguir aos homosexuais adoita ser outra. Así que fai ben Everett en advertir. De feito estamos nunha época perfecta para as advertencias.

Aos católicos ortodoxos Francisco non lles acaba de gustar. Son os membros do club os que deben valorar os acertos do seu Papa pero nalgunhas cousas o xefe da Igrexa ten unha responsabilidade xeral, como todos os pastores de rabaños multitudinarios. Por iso desconcerta o proclamado esta semana por Bergoglio. O arxentino mostrouse «preocupado» polo número de sacerdotes homosexuais que ingresan nos seminarios. Parecía que nos seminarios deixaran de ingresar persoas en xeral, pero agora resulta que o Vaticano non está inquedo pola constatada crise de vocacións se non polo feito de que os aspirantes sexan gais. O pontífice sospeita que detrás de toda esta explosión de persoas que viven en liberdade a súa orientación sexual só hai unha moda pero mentres tanto encomenda aos responsables de seminarios e noviciados que «manteñan os ollos abertos» para detectar a tempo a candidatos desviados que poidan coarse nas probas de selección e leala pasado un tempo. Textualmente o Papa dixo: «Aos relixiosos homosexuais hai que urxirlles a vivir integramente o celibato e, sobre todo, que sexan exquisitamente responsables, procurando non escandalizar nunca nin ás súas comunidades nin ao santo pobo fiel de Deus vivindo unha dobre vida. É mellor que deixen o ministerio ou a súa vida consagrada antes que vivir unha dobre vida».

Co seu perturbadora alerta Francisco incorre en dous grandes clásicos contemporáneos: todos os homosexuais son promiscuos e todos os homosexuais son malfeitores sexuais en potencia, depredadores que explican por que na Igrexa católica contabilízanse miles de casos de abusos. Así que segundo o Papa, unha determinada condición sexual che predispone para incumprir unha norma interna, a do celibato, e unha instrución civil, a de non abusar das persoas. De aí, á o triángulo rosa só hai un par de banzos.