Nado, o soño de Iván Domínguez

YES

08 dic 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Nado, de nado. «Adoitan situar o meu lugar de nacemento en Ferrol ou Santiago e, aínda que estou vinculado a estas cidades, o certo é que nacín na Coruña», explica Iván Domínguez. Nado tamén está relacionado coa auga, co mar. «Sempre Atlántico», di. «E se colles as dúas últimas letras do meu nome e as dúas primeiras do apelido por aí tamén che aparece Nado», precisa o cociñeiro que deica pouco abrirá as portas do seu primeiro restaurante como empresario-chef en plena Marina da Coruña e nun local emblemático, o que ocupou durante décadas O Coral, o establecemento que estivo máis anos seguidos recomendado pola guía Michelin. «Claro que é unha responsabilidade. E teño a intención de que sexa Pablo Galego (fillo de César, fundador do mítico restaurante) o encargado de acender a cociña o primeiro día. Xa llo dixen», avanza. A fin de semana pasada celebrouse no mercado de San Agustín da Coruña unha nova edición do festival do bocadillo gourmet Boucatise. Iván pediume se podía acompañalo no escenario para presentar o proxecto. Un pracer compartir o nacemento de Nado.

BRASA E INDUCIÓN

O chef calcula que o 17 de decembro, de aquí a un pouco, terá rematada a obra. E agarda atender aos primeiros comensais en Reyes. «Teño o equipo, pero non me quero precipitar. Cando todo estea listo, abrirei», comenta mentres na pantalla xigante do fondo do escenario onde nos atopamos proxéctase a impactante e colorida imaxe corporativa do novo restaurante. Iván emocionouse cando deu as grazas ao seu socio nesta aventura, á empresa que deseñou o local, metade cociña, metade salga. Todo espido e limpo. Sen trampas visuais e sen toma de gas. «Si, só brasa e indución. Ao principio era remiso pero son cociñas que che ofrecen precisión absoluta. E o lume porque quero recuperar a naturalidade dos peixes enteiros á grella», relata. De spoiler en spoiler fomos coñecendo que nos pans volverá confiar na sabedoría de Eladio Pazos, que tamén acudiu á presentación. Baixeime do escenario coa sensación de que a aposta de Iván Domínguez é todo paixón. Agora falta o máis difícil, que lle guste á xente. Pero iso xa haberá tempo de contalo. Por certo, gustoume o festival dos bocadillos, aínda que os organizadores deberían dotar ao espazo de máis baños porque a xente se pasou moitos minutos facendo cola á porta dos antigos e insuficientes servizos do mercado.

YAYO E LUCÍA

Hai clientes para tanto local en Santiago? Pois a resposta debe de ser «si». O luns preguntareillo a Yayo Daporta, que forma parte do novo complexo gastronómico Boanerges, ao lado del Corte Inglés de Compostela. Compartirei co chef cambadés unha mesa redonda sobre a evolución da cociña galega estes últimos 40 anos organizada pola Delegación do Goberno en Galicia con motivo do aniversario da Constitución. O certo é que en Santiago hai unha eclosión de locais, como o novo de Lucía Freitas no mercado compostelán de sempre. «Levo dúas semanas de auténtica tolemia», dime Lucía, que acaba de recibir a súa primeira estrela e agora abre outro local, Lume. Do Nado de Iván ao Lume de Lucía.