Últimas noticias desde a Terra

YES

Óscar Vázquez

01 dic 2018 . Actualizado ás 09:39 h.

Chegamos a Marte. Ese plural espontáneo é o que aparece cando se refiren grandes xestas da humanidade aínda que persoalmente non se teña nada que ver coa proeza. A sonda Insight achandará o camiño para que nun futuro inmediato o ser humano pise o planeta vermello. Ninguén dubida xa de que isto sucederá máis pronto que tarde e que nos confíns do universo está o futuro dunha humanidade que na Terra acabaría extinguíndose como os dinosauros. De momento aínda quedan algúns asuntos por resolver antes de que unha persoa pise o cuarto planeta máis próximo ao sol. Porque o difícil non será ir, senón volver. En realidade sempre é máis doado irse que regresar. Cantas veces o camiño de volta é demasiado longo para emprendelo.

En China crearon unha nova estirpe humana. Sabios como Anxo Carracedo levan as mans á cabeza. Aínda que todos sabían que pasaría. Porque non era unha cuestión de técnica senón de compromiso ético. Encomendar o correcto transcorrer das cousas á boa vontade das persoas ten algo de inxenuo. Porque os códigos morais non son universais. Porque o que non toleramos aquí parécenos inevitable alí. Porque hai quen ten a armazón ética que se pode permitir. De momento, un científico asegura que colocou no mundo a unhas xemelgas «editadas» xeneticamente. E anunciou que nacerán máis.

Rato no banco. En realidade nunha esquina do banco. E en España os bancos carecen da solemnidade dos fermosos escanos de madeira das películas americanas. Aquí o banco é como os pupitres dunha academia na que se preparan oposicións a policía local. Todos os procesados pola estafa de Bankia sentados juntitos en cadeiras de formica. Rato co seu caderno apoiado nos xeonllos. Nin rastro do poderoso xefe do FMI; nin rastro desa soberbia que toma o sol nun iate. É máis eficaz que sexa así porque non se pode amoestar mellor a un lercho.

Vigo's Production. De todo este asunto incrible da iluminación do Nadal de Vigo o máis incrible é o inglés de Caballero. O alcalde iniciouse hai anos como un político ao uso pero pronto se deu conta de que ese era un camiño de futuro probablemente incerto. Tivo tempo para reflexionar a fondo en 1997 cando converteu ao BNG na segunda forza política de Galicia, un tropezón persoal do que saíu convencido de que nos tempos de Netflix a política tamén ten que ser ficción. Desde entón e ata converterse no alcalde máis votado de España, Caballero non fixo máis que interpretar un guion que está tendo o respaldo do público. Non importa o que fai, non importa o que é, importa como dá en cámara. Non esquezamos que o edil é tamén un novelista verificado en catro títulos (A elipse templaria, O home que tiña medo ao mar, O inverno das almas desterradas e A porta amarela) tan mediocres como centos dos que se saldan en Amazon. Co tempo Caballero converteuse nun experto fabricante de gifs. O último, o seu sobreactuada invitación sideral nun inglés macarrónico incompatible cun doutor en Ciencias Económicas por Cambridge e máster en Economía pola Universidade de Essex, que é o que el nos dixo que é (exactamente o que dixo é: «Fun o primeiro economista español en doctorarse en Cambridge e fíxeno en tres anos»). Non hai mellor proba de que a alcaldía de Caballero leva títulos de crédito.