Os tentáculos do Carballiño chegan a Lanzarote

YES

01 dic 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Se che pos a preguntar, os seus habitantes son ou descenden de galegos. Así é a illa, chan volcánico e alma galega. A máis de 20 graos celebrouse un festival enogastronómico organizado por Saborea Lanzarote na preciosa vila de Teguise. Houbo unha caseta no que sempre tiveron cola, desde o primeiro e ata o último minuto da feira, o do Carballiño. Unha pulpeira, de vacacións na illa, non dubidou en meterse dentro do posto, para botar unha man. «Aínda que levo 30 anos aquí, son de alí. Nacín ao lado do parque onde se fai a festa. E ata xoguei no Arenteiro», contesta, metade en castelán metade en galego e con bastante acento canario, Anxo Vázquez. É o vicepresidente do Cabildo de Lanzarote e conselleiro de Promoción Turística, Economía, Industria e non se cantas cousas máis. Un home con tentáculos. «Non quería deixar pasar a oportunidade de traer á miña terra de adopción o auténtico polbo galego. Aquí adóitano deixar moi blandengue», comenta mentres chegan varias persoas a saudalo. «Proba, proba, xa verás que marabilla», comenta eufórico aos que van chegando. O concelleiro de Cultura da vila ourensá, Diego Fernández, desprazouse con dúas pulpeiros, Roberto Pereira e Silvia Varanda, prima da mítica Aurora. «Eu son concelleiro do PP en Arrecife, a capital dá illa», preséntase Roberto Herbón, natural de Boiro, que me puxo ao día das non poucas disputas políticas insulares.

MÁIS GALEGOS

Ao lado dos do Carballiño e o seu polbo, que vendían a pequena ración con cachelos a dous euros, ofreceron distintas tapas cociñeiros do colectivo Coruña Cociña. Callos, empanada ou cachola prensada, entre outros. «Enfocámolo toda á cociña atlántica», precisa Anxo Vázquez. Saudei a Jaime Cabral, chef vigués que traballa nun restaurante do sur de Lanzarote. E a María Rodríguez, unha moza de Portosín subdirectora dun hotel top nas Palmas. Ata nunha tenda de Teguise o veterano dependente recoñeceu o meu acento. «A miña familia é de Muros», dixo. «Gustaríame crear un centro galego que fose un punto de encontro para todos», coméntame o vicepresidente do Cabildo mentres o acompaño a presentarlle a Pepe Solla, outro dos relatores do evento ao que asistiron miles e miles de persoas. O Carballiño estende os seus tentáculos en Lanzarote e a xente alí devórao.