Como saber canto azucre leva de verdade cada produto

YES

O límite está en 25 gramos por adulto e día. Tomamos azucre por amais das nosas posibilidades e a Organización Mundial da Saúde recomenda non consumir máis que esa cantidade diaria por persoa. Hai mañás nas que sen saír da casa xa nos pasamos

26 novs 2018 . Actualizado ás 14:11 h.

Todo está na etiqueta. Di Pedro Sánchez que os produtos non saudables van estar mellor sinalizados en breve pero, a día de hoxe, xa podes saber cantos azucres engadidos estás a meterche no corpo. Só tes que fixarche na lista de ingredientes e na táboa nutricional, porque «calquera ‘palabro' que remate en -osa é un azucre», explica a divulgadora científica Deborah García Bello: «Sustancias como a lactosa, a sacarosa, a fructosa ou a dextrosa son, en realidade, químicamente, azucres, así como os siropes». Aínda que non os contabilices entre os ingredientes, na táboa nutricional xa van aparecer como o que son. E outra pista, na lista sempre van de maior a menor cantidade, así que, se o azucre vai de primeiro, faiche cargo. É o que pasa coa maioría dos cacaos solubles. Para a química García Bello, «son azucre con cousas». De feito, nas súas conferencias, sempre se refire a eles como o «azucre de cor marrón, porque este é o ingrediente maioritario. É tan maioritario que se che vas á táboa nutricional, de cada 100 gramos de produto, ¡70! son azucre». Un vaso de leite cunha ración non esaxerada de cacao contén uns 20 gramos de azucre; aínda que nos sobrecitos individuais vén máis cantidade de produto.

A Organización Mundial da Saúde recomenda non exceder os 25 gramos de azucre por persoa adulta e día. Esta cantidade equivale a dúas cucharadas e media que, cunha lata de refresco (35 gramos de azucre), xa superaches con fartura.

Da man de Déborah García, escollemos no súper unha lata de refresco de cola, un iogur azucarado con anacos de fresa e un bote de cacao soluble. Vaaale, poderiamos ter escollido un iogur natural normal, pero ese xa llo sabe nosa especialista de memoria: «Nos ingredientes adoitan pór só leite e fermentos lácticos, porque é co que se fai o iogur. Se me vou á táboa nutricional, verei que calquera iogur natural de tipo tradicional vai ter entre 4 e 5 gramos de azucre por cada 100 gramos de produto, pero é a lactosa propia do leite, que metabolizamos de forma distinta. Unha cousa é o azucre engadido -que está vinculado a problemas de diabetes ou obesidade- e outra o azucre intrínseco, como o da froita, que é saudable». [Esta experta leva tempo reivindicando que as táboas nutricionais separen o azucre intrínseco do engadido]. Así que, para saber canto azucre leva un iogur, réstalle eses 4 gramos (que leva de serie un iogur normal) á cantidade de azucres da táboa nutricional. Neste caso, saen 10 gramos por cada 100. ¡Pero pesa 125 gramos!

Máis doados de analizar

Tanto o refresco como o cacao soluble son máis doados de analizar, porque non levan un ingrediente natural como é o leite. Partes de cero para a súa fabricación. No caso da cola, agradécese que o fabricante especifique, de forma voluntaria, a táboa nutricional por ración. O dato non deixa lugar a dúbidas. Nunha lata hai 35 gramos de azucre engadido. En canto ao cacao, aínda que a ración fose tan comedida como eses 14 gramos dos que fala o fabricante, estás a tomarche 20 gramos de azucre libre dunha soa tacada. Si. O azucre é o ingrediente maioritario dos cacaos solubles.