A que sabe un viño de 1867?

Pablo Portabales XORNALISTA

YES

24 novs 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Ás doce da noite dixen que me ía. Pareceume unha hora prudente para un madrugador. E máis despois de ter ceado (en pequenas porcións) caballa en escabeche vermello, vieira asada nunha sopa de boletus, foie de pato e piñones, berenjena asada e afumada, roxóns e queixo Marianne de Cortes de Muar, macarrón con bolognesa de bogavante, robaliza asada e solombo de xabaril. Todo maridado con viños brancos e tintos da Real Companhía Vella, que din que é a empresa máis antiga de Portugal. Pero Ramón Molezún, o galego que dirixe o desenvolvemento de negocio desta firma lusa, díxome: «Agora non che podes marchar. Falta o mellor». E seguín gozando da velada no restaurante Bido da Coruña, un deses locais cunha maxia especial, ademais do bo facer de Juan Crujeiras na cociña e Manolo Otero na sala. As sorpresas foron unha botella dun oporto de 1967 e outra de 1867, de hai 151 anos.

A TÉCNICA DO DEGOLE

A primeira, a de 51 anos, abriuna utilizando unhas tenazas que quentou nun pequeno hornillo. Noutras ocasións asistín ao degolado de botellas de oporto e sempre resulta moi espectacular. «Isto podédelo facer aquí se algún cliente pide un viño destas características», aconsella Molezún. Con precisión de cirurxián logrou extraer o vidro superior da botella xusto á altura onde remata a cortiza. E tras a cata de rigor decidiu agasallar ao reducido grupo de comensais convocados por Zapata Representante co viño-xoia do que lles falaba. Contáronme que vale a botellita 2.800 euros. A que sabe? Pois a historia, a exclusividade, a lenda e a un oporto veterano polo que os anos pasaron fenomenal. «O incrible é que mantén o corpo», aseguran. Foi o broche de ouro á presentación das xornadas dedicadas a estes viños. O fin de festa correu a cargo do enxeñeiro agrónomo portugués Álvaro Martinho, que interpretou algunha canción axudado por unha guitarra.

ESCOLA DE PERITOS

O detalle foi precioso. A un grupo de alumnos de hai medio século da mítica Escola de Peritos de Vigo ocorréuselles facerme partícipe da súa celebración. Aínda que eu estaba a vir ao mundo cando eles xa o descubrían, existe un vínculo que non pasou inadvertido para eles. O meu pai deulles clase de Laboratorio. Contáronme cantidade de anécdotas que descoñecía. É unha experiencia recuperar vivencias de alguén que che deu a vida. A comida foi no restaurante de Luis Veira do monte de San Pedro, onde se desprazaron exalumnos de toda Galicia e tamén de Madrid ou Barcelona. Brindamos cun viño novo por unha historia de moitos anos, como os viños do Douro.

A