Setenta anos de espera

YES

Joe Giddens

17 novs 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Carlos de Inglaterra cumpriu o mércores 70 anos agardando a que a súa nai se morra. A monarquía é así de dura. Alguén se pode converter en rei sendo un neno ou un ancián. Depende . No caso de Carlos, o herdeiro está na idade á que os demais botamos contas para xubilarnos e apuntarnos a pilates, pero el debe de andar con aquela inquedanza coa que durmías a noite anterior ao teu primeiro traballo. Pasarse unha vida á espera ten que forxar o carácter porque ademais agora se promove o contrario: non hai tempo para agardar por nada, apenas existen momentos mortos e os que se abren son sepultos de inmediato en toneladas de WhatsApps. Fronte a ese horror vacui tan millennial, Carlos leva toda a vida agardando e iso dálle unha gran vantaxe competitiva.

Nalgún momento alguén se dará conta de que esta carreira contrarreloxo na que andamos non leva a ningún sitio e porase de moda perder o tempo. Igual que o aburrimento pode ser o berce que mece a faísca da imaxinación, perder o tempo pode ser o máis produtivo do mundo. E niso Carlos de Inglaterra é todo un clásico, como corresponde a unha estirpe tan adestrada na supervivencia que á altura da Gran Guerra enterraron o seu nome alemán Sachsen-Coburg und Gotha tan pouco conveniente nunha onda de antigermanismo e convertéronse nos Windsor de toda a vida.

Todos eses anos de espera han ir puíndo o seu físico e a súa química co pobo ao que rexerá. De mozo, moitos se preguntaban onde estaba o xene handsome dos Windsor naquel Charles convertido nun canalla cursilón polo vendaval pop de Lady Dei. Máis que o príncipe de Gales, Carlos parecía un nobre atrabiliario incapaz de competir coa modernidade influencer da súa muller, tan eficaz á hora de converter unha mirada lánguida nun aleteo de popularidade. Todas as cousas que se escriben agora das raíñas plebeyas son asuntos menores comparados co impacto daquela noviña á que Freddy Mercury coaba en bares gais e que un día se travistió de Belén Esteban e contou nun preludio do Sálvame os seus desaforamentos maritales. Ese día demostrouse que a monarquía pasaba pola plebe ou non pasaba.

UN MOMENTO DOCE

Hoxe contan as crónicas que Charles chega aos 70 no seu momento máis doce. Os anos suavizaron aquel xesto antipático e as súas extravagancias, coas que só conseguía multiplicar os amperios do brillo do seu ex, son hoxe asuntos transversais para todas as democracias: o príncipe leva trinta anos falando de cambio climático e de cidades sostibles, algo disparatado nos tolos anos oitenta pero fundamental no presente. A súa coroación será a vitoria da paciencia, todo un eloxio á espera.