A neta de Vicente Celeiro celtista ou deportivista?

YES

06 novs 2019 . Actualizado ás 19:01 h.

Á familia cáelle a baba. Aos seus 55 anos o exjugador do Deportivo e do Celta Vicente Celeiro acaba de debutar como avó, do mesmo xeito que a súa muller, Carmen Vidal. «Son un avó novo», comenta o exfutbolista natural de Vilalba. A pequena chámase Rocío e viño ao mundo na maternidade Belén da Coruña. Os seus pais son Borja Celeiro e Elena García. Tanto a nai como a pequena están perfectamente. Pero xorde unha cuestión moi importante: a nena será deportivista ou celtista? E é que o celeste e o branquiazul está moi mesturado nos Celeiro. É case como a singular fusión de Real Club Celta e Real Club Deportivo que esta semana fixo o novo adestrador vigués durante a súa presentación. Resulta que Vicente ten dous fillos, Borja, de 28 anos, que naceu no mesmo hospital coruñés que Rocío, e é seguidor do Celta . E Adrián, de 24, que naceu en Vigo pero é afeccionado do Deportivo.­ O mundo ao revés. «É a primeira nena da familia e, como vive na Coruña, será do Dépor», reflexiona Vicente. Cando Rocío creza contaranlle que 30 anos antes de que ela nacese, o avó marcou un gol transcendental na historia do Dépor. «Entón estaba solteiro», lembra o dianteiro-avó con bo humor e cargado de felicidade.

CON IVÁN FERREIRO

Agardaba que cantase algunha do último disco, pero o recital de Iván Ferreiro foi un repaso da súa traxectoria. Os seus éxitos de sempre, pero nada da homenaxe que tributa a Golpes Baixos na súa recente Cea recalentada. Haberá que agardar a un próximo concerto. Chamoume a atención que na actuación privada organizada por Ron Brugal eran maioría os que no seu día estudaron a ESO e moi poucos os que cursamos EGB. Ou, o que é o mesmo, se chego a preguntar ao centenar de afortunados que acudiron á cita quen coñecía a Vicente Celeiro creo que podería contar cos dedos dunha man os que saberían dicirme que foi un futbolista profesional. Uns e outros cantamos clásicos como Anos 80, e outros máis. «Teño algo de bronquite pero agardo estar á altura», comentou Iván, que foi de menos a máis na actuación. Empezou coa voz bastante tomada e foise entoando. A invitación incluía tres consumicións de Brugal que os da ESO acabaron antes dos bises. Eu, que son dos que vin xogar a Vicente Celeiro, só tomei unha. Un ron con laranxa, que é o que vin que pedían os que estaban ao lado na barra da sala Inn.