Seguiremos morenos no outono?

CLÁUDIA MORÁN

YES

asd

ESQUECE As FÓRMULAS MÁXICAS Non existen, o único xeito de prolongar o bronceado é seguir tomando o sol. Pero ollo, porque a pel necesita un respiro. Os expertos advirten que o máis importante é a nosa saúde, e a dermatológica tamén conta

22 sep 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Chegou setembro e o bo acábase. As vacacións, a praia, os chiringuitos… e o noso bronceado. Moitos manifestan o seu desexo de prolongar o moreno de pel o máximo posible, pero lamentablemente só hai unha forma de conseguilo: non deixar de tomar o sol. «Se non é polo sol, o bronceado vaise perdendo de forma paulatina porque se vai a capa córnea da epiderme», afirma Eduardo Fonseca, xefe de dermatoloxía do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac).

Sabemos que existen solucións como «fármacos para estimular a melanina, evitar a exfoliación da pel» ou a famosa técnica da cenoria. Pero, neste último caso, o doutor matiza: «Os carotenos da cenoria poden dar un ton amarelado á pel, pero iso non ten nada que ver co bronceado».

O inverno tamén é unha época na que podemos adquirir un bo bronceado de forma natural. Iso ocorre porque, «aínda que no inverno as horas de luz e a intensidade da radiación son inferiores, a pigmentación da pel depende da intensidade da radiación recibida», indica Fonseca. Por ese motivo, tomar o sol no inverno non nos libra das súas consecuencias nocivas. «Se, por exemplo, imos á montaña, as queimaduras son frecuentísimas», observa o doutor.

NON CHE QUEIMES

Aínda que o experto do Chuac sinala que «a exposición solar é imprescindible no ser humano para sintetizar vitamina D», insiste en que «o fundamental é non queimarse».

Fonseca pon o acento na responsabilidade porque «non hai que perder de vista que existen outro tipo de problemas en función da radiación solar acumulada ao longo de toda a vida, o tipo de pel que se ten, a xenética, e outros factores como o alcol, o tabaco ou os produtos tóxicos».

Branca Porto, doutora na súa propia clínica de medicamento estético, lembra que existen dous tipos de sol, «o bo, o que non pica, o da mañá ou última hora do día, e que é o que produce a vitamina D, e o sol malo». «O problema é que a xente, cando vai tomar o sol, faino ao mediodía, e iso non é saudable».

«Pensar que a maior bronceado mellor aspecto é mentira. As engurras márcanse máis e a pel, para defenderse, vai creando unha queratosis, vaise facendo máis grosa», explica a doutora. Para Porto, continuar bronceándonos xustamente despois do verán «é un erro», «temos a pel danada e deshidratada, polo que aparentamos máis anos». «O primeiro que fago cando veñen os meus pacientes á clínica é darlles unha fórmula despigmentante para ter un bo terreo que permita facerse os tratamentos de inverno, como o ácido hialurónico de hidratación», explica.

A recomendación da doutora é contraria a continuar expondo a pel á radiación solar. «Igual que coidamos o pelo despois do verán, coa pel sucede o mesmo. Hai fórmulas de recuperación con ácido retinoico, co cal esa capa superficial se vai e a pel mellora para poder empezar a tratala». Canto máis boa sexa a calidade da túa pel, máis nova aparentas ser, asegura.