Pero, isto que é, xeado, gofre ou crêpe?

SARA GIL / E. G.

YES

XAIME F. RAMALLAL

POR QUE NON UN TRES NUN? A festa estival e a praia fan que a fame non falte estes días pero, que escoller? Xeado, gofre, chocolate... Por que non todo xunto? Co bubble waffle é unha realidade.

11 ago 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Non é un paxaro, nin un avión, nin tampouco Superman. Pero non é un xeado, nin un gofre, nin unha crêpe. É nin máis nin menos que o bubble waffle, o protagonista máis doce das redes sociais estes meses calorosos. Vén de moi lonxe. Naceu en Hong Kong, nin máis nin menos que a dez mil quilómetros de Galicia. Pero aquí tamén se pode comer, ¡menos mal!

XAIME F. RAMALLAL

O REI DO VERÁN

Os que o proban, repiten. Iso seguro. Pero, talvez, seguen sen saber explicar moi ben que é. A elaboración non parece complicada. A gofrera énchese de masa e nuns minutos, xa está lista a base... Aínda que tampouco é un gofre ao uso, digamos que parece un gofre feito con burbullas. De aí o nome, bubble (burbulla) waffle (gofre), en inglés. Colócase nun cono ou vaso de papel e facer unha bóla de xeado. Aí empeza a maxia. No Yöglio de Viveiro podes escoller entre moitos sabores. Os amantes do doce farán as súas delicias cos de galleta María, Kinder Bo ou nube. Os que prefiran a froita, poden escoller o de limón, por exemplo... E, entón, xa hai que pensar no sirope. Estamos no terceiro paso da elaboración, e seguimos ante un mundo de posibilidades: mel, marmelada, crema de chocolate, crema de Kinder... e máis. A piques de levárnolo á boca, chegan os toppings: faragullas de galleta, pebidas de chocolate, anacos de fresa, gominolas... Imos, unha combinación en grao sumo apetitosa. Segundo o responsable da franquía Yöglio, o sirope gañador é o de Nutella. Parece que os clientes teñen un pensamento estendido de que é o sabor que mellor lle vai ao gofre. Aínda que non sexa exactamente un gofre.

Eu xa se como bautizalo: o Superman dos xeados. Ou o Superman dos gofres... aínda que preferiron chamarlle Bubble by Yöglio. Para compralo, sobra un billete de cinco euros. Non rasca no peto, que bastante gasto hai con tantas festas e demais verbenas por toda Galicia.

Cando o tes na man, o seu tamaño impresiona. Pero tampouco durante moito tempo, porque está tan rico que parece que se esfuma, coma se tratásese dunha burbulla no aire. ¡Que ironía! E eu que pensaba que o nome era simplemente pola forma que adquiría a masa. O caso é que con este bubble waffle, a única preocupación para o verán é a de non mancharse, ¡que tampouco é nada doado!