A canto está o leirapark?

YES

xxx

ESTE APARCADOIRO TAN NOSO pétao no verán. Tanto é así que hai quen elixe praia en función de se o ten preto, e xa existen zonas onde hai case máis por metro cadrado que area. Aínda que teñen custo, para moitos aparcar a pé de praia non ten prezo.

04 ago 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

O leirapark converteuse en algo máis que nun aparcadoiro moi noso. A estas alturas, é un factor moi, pero que moi importante, á hora de elixir a praia á que imos pasar o día. Se es de perderche en calas escondidas, non terás problema. Pero ollo, como che vaia o ambiente, máis che vale ter onde aparcar. Poñámonos en situación. Como usuaria habitual do leirapark en praias concorridas e con chiringuito, pódovos asegurar que a golpe de domingo, o seu servizo non ten prezo. Son de tarifa única, para aparcar todo o día. A pé de praia e sen máis columnas que as árbores. Sen máis barreira que a do paisano que controla quen entra e quen sae -como serán capaces de saber o que pagou ao chegar e o que non?-. Aínda que o prezo vén sendo bastante estándar de norte a sur de Galicia, hai que dicir que non todos os leiraparks son iguais. Si, pasamos ao nivel experto.

O primeiro que marca tal decisión é, loxicamente, a distancia do punto da praia no que queres pórche. Porque si, hai zonas con tantos leiraparks que un pode deixar o coche onde máis lle conveña. Non terás problemas para atopalos, porque a maioría están sinalizados con carteis. Se xa tes a zona delimitada, a condición de que sexa posible, elixe un de céspede. Xa é suficiente coa area que traerás da praia como para manchalo tamén coa terra dun aparcadoiro sen asfaltar.

Á túa chegada, é moi probable que che atopes xa outro cartel, o do prezo. No meu danche ata a benvida por se non están os que controlan o cotarro cando chegas. Se xa temos céspede, toca ser ambiciosos e atopar un con árbores. Así che terás gañado un plus: o da sombra para non derreterche máis do necesario na volta a casa.

CARRÍS E PRAZAS

Adentrémonos no leirapark en busca dun sitio. Non é difícil apabullarse entre tanto árbore, pero teñen todo controlado. Por ter, algúns teñen ata as prazas delimitadas por topes de madeira previamente cravados ao céspede. Imposible aparcar mal. E, de paso, ocupar dúas prazas e privar de ganancia ao aparcadoiro. Hai quen o ten tan ben montado que nin sequera che deixan ao libre albedrío entre as árbores, senón que sinalizan con frechas o sentido da marcha ata que chegas á saída. Alí, se abonaches o aparcadoiro deixaranche saír amablemente. Agora ben, como teñas chegado antes que os donos da parcela, eles detéctano. Aquí non hai recoñecemento de matrícula, nin falta que lles fai. Á maioría xa nos coñecen as caras.

Agora que tes a guía práctica para elixir leirapark, toca falar do prezo. Hai uns anos atopabamos algúns a dous euros o día. Pero dun tempo para acó, subiron algo. Polos que puidemos comprobar pola zona norte, o prezo estándar é de 2,50 euros. A zona máis cara, que para iso é o epicentro do veraneo galego, é a sur. Por Cangas e Cambados, xa falamos de tres euros. Sanxenxo, lamentándoo moito, non é zona de leiraparks a pé de praia, aínda que atoparás uns cantos polas reviravoltas do pobo.

Iso si, cando un sobe da area coa cadeira, a outra cadeira, a bolsa, a neveira, as pas, a antuca, o colgador da antuca e a corda preparada para colgarche ti e ten o coche ao lado e á sombra, dásche conta de que este servizo tan noso, en realidade, non ten prezo.