Martín Barreiro: «Intento ser suave porque a xente está afectada»

YES

Parece que el lle deu a volta á tortilla e que por fin aparece o ovo frito. Máis ben churruscado. Pero cando falamos co meteorólogo hai uns días, non eramos tan optimistas.

06 ago 2018 . Actualizado ás 15:39 h.

1 E o verán pa´cando?

Este ano está a ser moi raro en toda España, eu estiven en xullo en Madrid e tivemos noites frescas, cando os últimos anos había días de 40 graos e noites de 27. Está sendo unha anomalía en toda Europa, acadáronse temperaturas de marca en Siberia, en Laponia... ¡É terrible o que está a pasar! Hai que matizar que en moitos casos acaba abrindo, hai intres de sol.

2 Parece que agora se asoma. Será definitivo?

É imposible de saber, os prognósticos a medio prazo só nos poden dar variacións respecto da media, e funcionan fatal, porque non prognostican as situacións que estamos a ter. Un verán tan variable e tan fresco como este non estaba prognosticado polos modelos de medio prazo.

3 Un verán así é unha das situacións máis complicadas para un meteorólogo?

É complicado, sobre todo este ano, porque está habendo moitas tormentas no norte. Cando un verán é estable, anticlónico, xa sabes que vai haber algo de nebulosidade pola mañá no Cantábrico, que se vai desfacer e vai haber unha tarde asollada en toda España... Eu este mapa aínda non o pintei en todo este ano. Non houbo un só mapa de tranquilidade. Se cadra hai meteorólogos aos que lles gusta que haxa movemento, a min a día de hoxe xa me empeza a cansar. Son malas noticias en moitos casos, a saraiba amolou unha chea de colleitas enteiras. É preferible o tempo máis propio da época.

4 Se en agosto non mellora, acabaranos pasando factura?

Non son psicólogo, pero creo que si. Non acabas de desconectar, de liberar endorfinas do bo rolo que che dá o bo tempo. Hai que aproveitar cada momento que teñamos bo para gozar a lume de biqueira coma se fose o último, deses pequenos retales iguais coses unha manta. Se esperas a que chegue a semana enteira de sol e calor igual pégasche un palmo de narices.

5 Cantas chamadas recibes a diario de familiares e amigos?

Xa non me chaman. [Risos]. Escríbenme polo Instagram (\martinbarreiro_tve) ou polo WhatsApp. Pero podo recibir tres ou catro ao día doado.

6 Que lles dis estes días? Poslles interrogaciones ou o emoticono que dubida?

Mándolles o emoticono de brindar para que llo pasen ben. [Risos]. Non, intento facer o prognóstico e buscar a parte positiva. Se a cousa está moi negra, non adoito andar con panxoliñas, pero intento ser suave porque a xente está moi afectada.

7 Ti que es de outono, este verán-invernal agradécelo non?

Non, non. Son de outono porque me gusta o que representa, pero encántame o verán tamén, a calor e a praia. Adáptome doado á temperie que me rodea.

8 Cantos graos necesitas?

Depende , a min encántame estar na neve a 6 graos. Moito máis de 30 resúltame empalagoso. A miña temperatura de confort está ao redor dos 24.