César Bona: «Todos os nenos teñen catro valores que veñen de fábrica»

YES

PACO RODRÍGUEZ

Aspirou ao «Nobel» da educación, pero rehúye o rótulo de «mellor profesor de España». César Bona abre o verán sen deberes, á sombra das árbores e cun conto que acende a maxia das pequenas cousas. Curiosidade? Primeiro valor

02 jul 2018 . Actualizado ás 08:05 h.

Hai un mínimo envoltorio e unha máxima socrática -«Un profesor non o sabe todo»- no xeito de falar de César Bona (Zaragoza, 1972). O que de neno devoraba Tintin e as aventuras dos Cinco (gustábanlle máis que as xudías, confesa) abre o verán cun conto, O asombroso mundo de Bernardo, tomando jengibre, un remedio caseiro para a súa garganta (e unha proba de que creceu da man dos mozos de Enid Blyton).

 -Mestre ante un debut literario con «O asombroso mundo de Bernardo»?

-Fixen tamén unha adaptación do Quixote para nenos, na mesma editorial, Beascoa. Sempre me gustou escribir contos. Vivo máis o mundo da infancia que o dos adultos, por raro que resulte. Leo máis contos que novelas.

-Unha profesora dicíame hai pouco que percibe que se está perdendo o hábito do «conto de boas noites» que gozamos tantos egeberos.

-Será pola vertixe de vida que levamos. Unha espiral de estrés que pagan os nenos tamén. Pero lerlles contos aos nenos e as nenas é unha necesidade. Compartir un conto, lelo xuntos ou inventarllo, crea un momento máxico, e conforme crecemos as regras nos encorsetan tanto... Hai que coidar esa forma de mirar as cousas dos nenos, o xeito de apreciar as pequenas cousas que teñen os nenos e ensinan os contos, e que co tempo adoita perderse, vaise.

-Compartir un conto cos fillos é terapéutico... para os pais.

-Si. E facelo por puro pracer. É moi especial... Pregúntalle a un neno por que. Compartir un momento así é dicirlle «Neste momento non existe máis que isto, máis nada que ti e eu».

-Este conto vai dirixido a «todas esas persoas que saben ver o extraordinario nas pequenas cousas». Un valor inusual no mundo adulto?

-Ver o mundo desde a «altura» dos adultos fai que nos perdamos cousas de valor. E é triste... non gozar, por exemplo, de pisar a herba cos pés descalzos, ou estar baixo a choiva, ¡que parece que está prohibida! Ou tirar pedras ao río... Iso para un neno, e máis para un neno como eu, que creceu nunha vila de 1.200 habitantes, libre, é importante. É un privilexio do que oxalá puidesen gozar todos os nenos.

-Creciches sen ser sobrevoado por «pais helicópteros», controladores.

-Si... Eu non entendo esa sobreprotección dos pais en cousas como «Non, pola area non» ou «¡Non pises a herba!». Porque nesas sensacións está, precisamente, a maxia da vida.

-Rodeados de asfalto, de alimentos procesados e cun Tetris de axenda, os adultos botamos de menos esas cousas, baixar á area, mollar os pés no mar ou xogar como nenos.

-Fáltanos tempo. E nisto nenos e avós ten unha complicidade especial. Os avós gozan destas cousas. Son os que, ao ter máis tempo, din: «Vou gozar do tempo». No asombroso mundo de Bernardo hai unha conexión especial co avó, tamén cun amigo e co gato Calcetín, que recollen na rúa, e encerra unha mensaxe importante. Uns 200.000 animais son abandonados cada ano en España.

-Empeñámonos en que os nenos aprendan a ler, a sumar, a dividir, e hai valores importantes que traen de serie e pasan inadvertidos.

-Todos os nenos teñen catro valores: a curiosidade, a creatividade, a ilusión e a imaxinación. ¡Veñen de fábrica!

-Tendemos aos extremos. Ou malamadre ou hipermadre. Ou disciplina férrea ou nova educación. É posible acadar o equilibrio?

-Para min non hai loita entre escola tradicional e innovación. Hai cousas que aínda que pasen 50, 60, 70, 80 anos seguen funcionando agora. Aulas abertas, fiestras mirando á natureza...

-Pero o sistema educativo, en xeral, presiona forte e cada vez a máis curta idade, acelerando etapas, non?

-Seguimos no estímulo da competitividade cando o que funciona é a cooperación e o respecto, o respecto a un mesmo e ás diferenzas. É básico. Necesitamos facer equipo. O fin da educación debe ser educar para convivir, e falta xente valente arriba disposta a cambiar as cousas. Podería facerche unha pregunta. Pensa en dous ou tres cosas importantes na túa vida, e pensa se están a diario nas escolas ou non.

-Cada vez temos menos fillos, en Galicia a caída da natalidade é histórica. E se non ter é difícil ser sensible coas necesidades dos nenos. Os nenos-nenos molestan enseguida.

-Hai que compaxinar o respecto dos nenos aos demais e manter unha nenez aberta. É difícil, pero iso non só se traballa en casa. A escola é un bo lugar para axudar ás familias a educar aos seus fillos. Trátase de facer equipo.

-Vendo onde chegamos, deberiamos limitar o uso de tecnoloxías, móbiles e tablets en nenos e novos?

-Vivimos nun mundo tecnolóxico, e os adultos non deixamos de usar o móbil e o computador. Pero paréceme importante o uso responsable da tecnoloxía, que para min é a proxección do teu corpo ou o teu sistema de valores. É necesario traballar o pensamento crítico. Calquera cousa que se publique pode facerse viral e non ser certa. É necesario que eles miren, sobre todo, á natureza. Volver. É tan tan importante que eles vivan sobre todo experiencias... No momento en que lle damos a un mozo ou unha moza o móbil ou a tablet, perdemos unha oportunidade de gozar a riqueza dun paseo polo campo.

-Os teus deberes para o verán pasan por sumar momentos e experiencias.

-Son a alternativa aos deberes que propuxo o profesor italiano Cesare Cata. Trátase de que cando esteas de vacacións, poidas desconectar. E aos nenos canto máis tempo teñen máis tarefas pómoslles. Máis que tarefas, deben ter experiencias. Ir pasear, a unha biblioteca, facer unha torta... Hai miles de cousas sinxelas que podemos facer. As vacacións son un momento para valorar o que significa a conexión coa natureza. É paradoxal chegar a un lugar cheo de árbores, e dicir: «Uf, aquí desconéctase», cando en realidade o que fas é conectar.

-Emocionarse é aprender, din os expertos. Por que é tan importante adestrar a intelixencia emocional?

-Dise desde hai tempo que o ser humano é un ser racional, pero toma decisións de forma irracional, movido polo odio ou o amor, ou pola ira. Se non sabes xestionar a ira, o medo, a frustración ou a alegría será difícil que sexas feliz, e que logres convivir cos demais. Somos seres irracionais e sociais. As emocións edúcanse, e non son unha moda. Quen diga que son unha moda debería revisar de que estamos feitos.