Son máis felices os solteiros?

CLÁUDIA MORÁN

YES

Mukhina1

LIBERDADE, VIDA SOCIAL... Son conceptos que adoitamos asociar coa soltería porque entendemos que a parella «nos ata». Ou iso din. Pero, e se estamos equivocados coa formulación? E se o que está mal é o noso concepto das relacións? Ou o que é máis grave: E se o problema somos nós mesmos?

29 abr 2018 . Actualizado ás 16:04 h.

Hai tempo que a frase «gozar da soltería» conta con respaldo académico. Así o confirmou a doutora en psicoloxía da Universidade de California Bela DePaulo cun estudo que demostraba que os solteiros son máis felices que os casados. A razón? Que quen non teñen parella presentan máis autosuficiencia e menos probabilidades de experimentar emocións negativas.

O estudo ten lóxica: son moitos os solteiros que recoñecen dedicarse máis tempo a si mesmos que cando tiñan parella. Len máis, reflexionan máis, ábrense máis a coñecer xente nova... «Nese sentido, claro que ten vantaxes», afirma a psicóloga Alejandra Dotor. Pero para esta profesional, o «éxito» da soltería ten unha explicación máis profunda. «Case todos cometemos o mesmo erro: cando estamos en parella tendemos a crear un eu imaxinario para acadar as expectativas do outro, pero que ao final non se adecúa a ningún dos dous. Non hai que deixar o individualismo de cada un, independentemente de estar ou non en parella».

CONTIGO E SEN TI

Dotor non é a única psicóloga que sostén esta teoría. O seu homólogo Manuel Lage asegura que a felicidade «non é unha cuestión do estado, senón do momento no que está cada persoa», polo que «unha relación cunha mesma persoa nun momento pode ser sa e feliz e, noutro, non selo». Ante a crenza de que as persoas con parella «desaparecen» dos círculos sociais, Lage tamén discrepa: «Hai persoas que están soas e teñen menos relacións sociais que outras que viven en parella».

«Pecharse a coñecer xente nova é unha tendencia e non debería ser así», engade Alejandra Dotor, e afirma que «a liberdade de coñecer xente, apuntarche a un ximnasio e abrir o teu círculo de amizades non debería ser propia de certa condición». «Ademais, ter situacións novas mesmo é importante a nivel neurolóxico, xa que evita enfermidades como o alzhéimer», apunta.

Outra das vantaxes que se destaca da soltería é que adoitamos manter un mellor estado físico cando non temos parella. Noutras palabras: como estamos máis abertos a coñecer xente, coidámonos máis para agradar ao resto. E iso, que para a psicóloga «ten parte de verdade», é algo perigoso. Dotor insiste: «Temos que gustarnos, ante todo, a nós mesmos». «Namorar cada día á persoa coa que levas 20 anos é un reto precioso e marabilloso, pero non debemos perder a noción de que, ante todo, témonos que gustar e estar sans», explica.

PODER INDIVIDUAL

O terceiro erro que cometen moitas persoas nunha relación é deixar de lado as afeccións ou o espazo individual. Dotor observa que abandonar a nosa realización persoal non só contribúe a «entrar nunha monotonía constante, porque entón, que cousas novas pódeslle achegar á túa parella?», senón que tamén supón «abandonar a sinceridade cun mesmo e coa outra persoa».

Por iso, recomenda «ter sempre un espazo semanal para nós mesmos», con parella ou sen ela. «Un intre de separación física é necesaria. Iso axudaranos a estar ben e, polo tanto, a estar ben cos demais».

«Os seres humanos somos seres sociais», subliña Manuel Lage, polo que «temos inercia a compartir espazo e tempo con outros», e iso explica que exista «a parte afectiva e sexual que buscamos nunha parella». Pero advirte que só satisfacer esa tendencia natural «non nos dará a felicidade».

Visto o visto, parece que tanto os defensores da soltería como os que prefiren a vida en parella adoitan esquecerse do mesmo: «Que a felicidade nunca pode depender dunha persoa nin dunha cousa», afirma Lage. «Alguén ou algo pode axudar a que sexamos máis felices, pero todo depende do equilibrio dun mesmo, de estar en paz, de ter unha boa autoestima ou de sentirse realizado. E iso podes compartilo cunha ou con cen presentas», sinala o psicólogo.

Ao final, o máis efectivo para ser feliz será recoñecer que a soltería non existe: con parella ou sen ela, nós mesmos debemos ser o noso amor para toda a vida.