Amaia, Alfred e nosa Lucía Pérez

YES

28 abr 2018 . Actualizado ás 05:10 h.

Xusto o mesmo día. O 12 de maio celébrase na capital portuguesa a final do concurso de Eurovisión. E ese sábado, nel Corte Inglés de Santiago, Lucía Pérez presentará o seu novo disco. «Os días previos, o 8, 9 e 10, vou estar coa delegación española en Lisboa. Regreso, e o venres 11 preséntoo en Luar e ao día seguinte en Compostela», confirma a artista do Incio, que se sabe de memoria as citas da axenda. Xa pasaron sete anos desde aquel maio do 2011, cando cantou por España Que me quiten o bailao, algo do que se sente moi orgullosa. «Abriume moitas portas. Tiven a oportunidade de tocar por toda Europa, que se non fóra por Eurovisión resultaríame imposible. Síntome moi agradecida e afortunada por ter vivido aquela experiencia», lembra Lucía, que nas últimas horas tivo a oportunidade de estar con Amaia e Alfred, os mediáticos representantes deste ano. Lucía exerceu de presentadora nunha preparty (chámanlle así) que se celebrou no Joy Eslava e A Riviera e á que acudiron eurofans de todos os recunchos de Europa, incluído algúns galegos, e ata 21 artistas dos que participarán no festival lisboeta. «Son uns mozos moi simpáticos. Son próximos e vese que están moi arroupados. Grazas a que veñen de Operación Triunfo son un fenómeno social. Creo que Eurovisión vai cambiando para mellor e vai recuperando o prestixio», analiza Lucía que ten claro que «Amaia ten un gran talento. Encántame». Palabra de eurovisiva.

«QUINCE SOLES»

Pois mentres a parella de triunfitos intenta facer historia no país veciño nosa Lucía celebrará os seus quince anos na música co disco Quince soles. «É en galego con colaboración de artistas como Xabier Díaz, Susana Seivane, Toñito de Poi ou Sito Sedes, entre outros», avanza a cantante, que está convencida de que «vai encantar».

«O BICO DE TOSCA»

O martes, ao día seguinte do Día do Libro, a escritora Nieves Abarca deixou ao meu nome o seu novo traballo conxunto con Vicente Garrido. Titúlase O bico de Tosca e é o primeiro froito literario desta parella no que a protagonista non é a detective Valentina Negro. O libro saíu á venda o xoves, pero Nieves quixo que o tivese un pouco antes para darme marxe a que poida lelo antes da presentación. Recoñezo que o primeiro que fixen foi ver o número de páxinas, 543. Pediume que a acompañe o vindeiro venres 4 de maio na presentación en espazo Fiandón, Libros de Vello da rúa San Roque da Coruña, onde tamén estará o xornalista e escritor Luís Pousa. Así que teño que desafiar ao calendario, outros compromisos, e os primeiros síntomas da presbicia, para chegar cos deberes feitos. Non podo fallar porque Nieves (debe de pensar que son fetiche) tamén me pediu que ocupase unha cadeira ao seu lado nas tres presentacións anteriores. Primeiro con Martyrium , despois co home da máscara de espellos, no 2016 cos mortos viaxan rápido e agora con este Bico de Tosca . A música está presente no título e nas primeiras páxinas comprobo que tamén, pero non a que cantan Amaia ou Alfred, senón o Don Giovanni de Mozart.