Roi: «'O malo' petarao nas discotecas, pero 'A túa canción' gústame para Eurovisión»

YES

Cedida

O sapoconcho máis famoso de España ten ganas de saír do caparazón. O obxectivo é vender o seu propio produto, aínda que non descarta compaxinar a música coa televisión, onde en breve aparecerá na segunda tempada de «Paquita Salas»

24 mares 2018 . Actualizado ás 16:45 h.

Por casualidade e ante a insistencia do seu compañeiro de piso, Roi Méndez (Santiago, 1993) presentouse ao casting de Operación Triunfo. Actuou coa súa orquestra Olympus antes e despois do casting, pero mesmo coa resaca instrumental conseguiu entrar. Este mozo extrovertido e bromista, que foi un alicerce para Roberto Leal, gañouse a toda España cando dixo a palabra sapoconcho

-Cambiouche moito a vida dun mes a esta parte?

-Non tanto. A nivel musical pois a xente che coñece e hai oportunidades laborais, si, pero a miña vida persoal segue igual. 

-Que é o mellor que che levas da Academia de «Operación Triunfo»?

-Unha relación de amizade con todo o equipo, leveime unha aprendizaxe grazas aos profesores, unha chea de valores e máis confianza en min mesmo. 

-Cepeda é máis que un compañeiro.

-Si, un amigo, un irmán. 

-Roberto Leal deuche as grazas por ter estado aí e axudarlle ás veces a levantar o programa.

-É un halago vindo de Roberto, porque para min é unha persoa incrible, e ademais o que nos axudaba unha chea antes de saír a cantar era el. Tranquilizábanos, mesmo no backstage, antes de empezar o programa. Así que, que diga iso de min cando eu penso exactamente o mesmo ou máis, é unha honra. 

-Cal é a canción que máis che gustaba para Eurovisión?

-«A túa canción».

-Non che mollas?

-Non, é que era a que pensaba que ía gañar. 

-Pero «O malo» está a petalo.

-Pero O malo véxoo máis para iso, para petalo, para soar nas radios e nas discotecas. 

-Es un mozo moi bromista, moi alegre, moi extrovertido, contigo o aburrimento non existe?

-Hai veces que si, hai veces que teño un día un pouco máis serio e a xente xa me pregunta: «Que che pasa?». E eu dígolles: «Que teño que estar todo o día de broma?». 

-Nunca pensaches que cando dixeches a palabra «sapoconcho» íaseche a quedar de alcume, non?

-Non, pero na primeira firma de discos, cando a xente empezou a berrar, aí xa me dei conta do asunto, e agora todo o mundo xa me chama así. 

-De sabelo, dixeses outra?

-Non, non, sapoconcho, sapoconcho. 

-Polo teu perfil eras como o Bisbal, non? Un mozo novo que viña do mundo das orquestras...

-Si, pero bo, eu na orquestra era músico, non era cantante, aínda que tamén cantaba algunha canción. Vimos un pouco do mesmo, si.

 -Que che din agora os teus compañeiros da orquestra, ou a túa parella, ao ver onde chegaches?

-Séntense orgullosos, deséxanme o mellor, pero tócame a min demostrar, porque todo empeza agora.

 -Onde fixas o obxectivo?

-Gustaríame vivir da miña música. Non ser o meu propio xefe, pero vender algo meu, gústame a música. Tamén me gusta a televisión ou o cine.

 -Conformaríasche con calquera destas saídas?

-Non, non, a música é a miña prioridade. Todo é compaginable, podo abrir o abano para ter máis opcións, pero a música por diante.

 -Que é o que máis che sorprendeu ao saír da Academia?

-O cariño da xente, de nenos que ven o programa, repítese moito iso de que nos teñen de exemplo. Dáslles as grazas, pero é que é superreconfortante que che digan que axudas a unha xeración sen sabelo.

 -Foi o teu primeiro intento en «OT»?

-A miña primeira vez e de casualidade, ademais.

 -Como foi?

-O meu compañeiro de piso íase presentar ao casting, e eu tamén ía ir, pero tiña que tocar o día anterior, non me daba tempo a durmir e dixen: «¡Non vou, non vou!» Díxome: «Vaiche anda, como non vas ir?».

 -Fuches ao «casting» como de resaca?

-Si, de resaca de tocar. Ao día seguinte tiven o casting pola mañá e pola tarde, e aínda así fun a tocar tamén. Durísimo.

 -Vímosche bailar moito, vaiche a marcha?

-Eu bailo fatal, pero gústame facer o bobo movéndome. Non adoito bailar nunca, pero se estou moi animado fágoo, aínda que de broma.

 -Houbo máis Amaia e Alfred dentro da Academia dos que nos decataremos no Reencontro dentro de 10 anos?

-Non se que estará a pasar agora, dentro o que se vía era o que había.