Estes videoxogos estano petando

Carlos Pereiro

YES

XA SEXA EN CONSOLA ou en PC, a diversión só está limitada ás horas que uno queira (ou lle deixen) investir diante da pantalla. Os novos títulos mestúranse cos instaurados durante o pasado. Pelexas, disparos ou fútbol. Que prefires?

11 feb 2018 . Actualizado ás 17:24 h.

1. FORTNITE. UN ÉXITO INESPERADO

Tal foi o crecemento de Fortnite ao longo dos últimos meses que a súa compaña, Epic Games, apostou o todo polo todo polos seus xogadores e ata pechou de golpe outros xogos con aparente futuro. O apoxeo dos «battle royale» faise obvio neste título que, ademais, é gratuíto en todas as plataformas. O seu único obxectivo é chegar a ser o último combatente en pé. Non é nada doado, e a competitividade é enorme.

2. FIFA 18. AQUEL QUE NUNCA FALLA

Ter un FIFA en casa é case unha obrigación para calquera xogador. Aínda que só sexa para poder botarse un pique con algunha visita. De novo, e como manda a tradición, foi un dos xogos máis vendidos do ano. Un golazo por toda a escuadra para EA Sports, os seus creadores.

3. VRChat. A ÚLTIMA TOLEMIA

É un xogo? É un chat? VRChat está a converterse nun fenómeno estraño, demasiado. Trátase dun título para realidade virtual (necesitas o dispositivo concreto) no que persoas de todo o mundo conéctanse mediante o seu avatar e arman a esmorga. Soa a «Black Mirror»? Podería.

4. Dragon Ball FighterZ. SON GOKU NECESITA AXUDA

O mellor xogo de Son Goku e os seus ata a data. Un auténtico alarde visual no que aos poucos un vai aprendendo os combos e machucando ao rival en partidas de tres contra tres. O detallismo é tan extremo que custa distinguir entre serie e videoxogo.

5. Super Mario Odyssey. O MELLOR FONTANEIRO DA HISTORIA

O seu compañeiro Link, de Zelda, rouboulle a Mario ser o xogo do ano (o GOTY), pero o título do fontaneiro ben se merece ser repetido e completado ao cento por cento, porque é un dos Marios máis completos e divertidos creados ata a data. A experiencia que ofrece tradúcese en horas de alucine e sorpresas, onde o xogador sempre ten a sensación de descubrir algo novo. Cada fase garda os seus segredos e atopalos merece a pena.

6. Player Unknow's Battlegrounds. A ORIXE DA FEBRE

Se Fortnite é agora a sensación, algúns xogadores prefiren un ton máis adulto, menos colorista. Playerunknown's Battleground supón as bases e o apoxeo dos «battle royale», e é agora mesmo o videoxogo máis xogado de Steam en PC. As súas cifras están a bater marcas.

7. Battalion 1944. A GUERRA SEMPRE CHAMA

Os xogos en primeira persoa sempre están aí, igual que a súa combinación coas grandes guerras mundiais. Ser un soldado en metade dunha contenda é un clásico do mundo, e Battalion 1944 está a ser o último título en sacar peito e crear unha gran comunidade.

8. Monster Hunter World. AO FIN ENTRE NÓS

A súa espera fíxose longa, e as expectativas eran enormes. Finalmente, sobreviviu a estas. O xogo de Capcom situouse como un dos lanzamentos máis poderosos do ano. Cazar monstros con amigos é sempre un aliciente para enchufar a consola.