Xa podes beber ouro e prata

YES

Santi M. Amil

ESTA XENEBRA É UNHA XOIA Está de moda. Pero non será pasaxeira. As marcas multiplican as súas propostas para asombrar cada día aos clientes máis exquisitos.

05 feb 2018 . Actualizado ás 16:57 h.

Hai tantas como padais, e o número segue crecendo. A xenebra é algo máis que unha moda pasaxeira. Con azafrán, enebro, mandarina, rosa, salvia, limón, cardamomo, cilantro, tomiño, romeu... E con ouro ou prata. Ti elixes. É a cultura do gin tonic. Clásicas, cítricas, florais, afrutadas ou especiadas. Miguel Ángel Fernández e Carlos Abellas dirixen Caffé Arábica en Ourense. É un dos dez establecementos españois que oferta maior número de xenebras. Nos seus andeis teñen 375 marcas. Atrás quedaron os anos nos que Beefeater, Larios ou Tanqueray eran as únicas opcións, aínda que seguen sendo unha elección. Pero agora trátase de probar e elixir. Ambos aseguran que no mundo das xenebras queda moito por descubrir, que estamos só no comezo. A muller empezou a consumila e é unha clienta esixente. Á marxe dos sabores, búscanse experiencias e é habitual, afirman desde Caffé Arábica, que sexa o complemento perfecto para despois dunha comida ou cea copiosa. Hai que ter en conta, ademais, o seu carácter dixestivo. Agora trátase de sorprender e que mellor xeito de facelo que incluíndo ouro ou prata en cada sorbo? Así o fan xa algunhas marcas de xenebra. É o caso de Aurum Gin 12.11, de Destilería Liber, envellecida en barricas e elaborada con auga de Sierra Nevada. Nela son perceptibles copos de ouro de 24 quilates. Tamén se uniron a esta moda Platinum Gold ou Conde Lumar Premium Gold Gin, entre outras. En case todos os casos son xenebras afrutadas, menos secas e máis doados de consumir. Pero se o que che gusta é a prata, tamén tes opcións. A xenebra Platinum é a nova gin Premium que combina todo o sabor dun dos mellores destilados do mundo coa forza dos ións de prata en copos.

Aínda que poidan parecer prohibitivos, non o son. Os prezos por copa están entre os 12 e os 17 euros. E as botellas bailan por baixo dos 50. Aínda que, por suposto, nalgúns casos poden ser moito máis caras. É unha experiencia para todos os petos. Visual, iso si. Os expertos aseguran que non alteran o sabor da xenebra que decoran, pero cando se quere saborear cos cinco sentidos, a vista é indispensable. E o seu consumo é apto para o corpo. Toda na súa medida, iso si. A Unión Europea considera ao ouro, prata, aluminio e titanio como aditivos alimenticios autorizados. Os seus beneficios para o corpo, xa son outra cousa. E tamén resulta doado descubrilos en máis dun alimento. Se unha imaxe vale máis que mil palabras, a preparación deste tipo de bebidas require de rituais. De procesos de preparación afíns co produto. Hai que oxigenarla na coctelera, servila co mellor xeo e darlle toques afrutados que axuden a saborealo, pero que non resten a esencia da destilación. E, o máis importante, consumila entre amigos.