Por que cada vez casa máis xente en Nadal?

Lucía Vidal

YES

CEDIDA

ISTO SI QUE É UN SI QUERO NO ÚLTIMO MOMENTO Cada vez máis noivos elixen estas datas para a voda. O motivo? Teñen a toda a súa familia unida, non hai cotenadas para atopar sitio, sae máis barato (excepto algún marisco) e a festa de Fin de Ano está asegurada.

29 dic 2017 . Actualizado ás 05:15 h.

Quecha e Álex decidiron pasar pola vigairía tras quince anos de noivado. O día elixido: un 26 de decembro, en plena resaca do Nadal. Aínda que poida parecer unha tolemia, era a mellor data para poder reunir a todos os seus seres queridos e especialmente a Sabela, testemuña da noiva e residente en París, que non podía faltar á cita. Desta forma, aforrábanlles outra viaxe no verán. Ata Galicia voaron invitados desde Roma ou México.

Estes noivos coruñeses contraeron matrimonio nunha igrexa tamén moi coruñesa: a parroquia de San Jorge. Curiosamente, cando empezaron cos preparativos descubriron unha coincidencia desas que parece ditar o destino: os avós de Quecha casaron ¡un 26 de decembro!, aínda que uns cantos anos atrás (desgraciadamente, a avoa de Quecha faleceu fai uns meses).

Desde o principio tivérono claro. Deixaron a posta en escena en mans de profesionais. «Tamarola Wedding axudounos con todo. Eu coñecíaas hai tempo. Do barrio. E a verdade é que contar co seu apoio foi xenial». O belén montado no altar e as flores brancas de Pascua deron o aire do Nadal á cerimonia relixiosa. «Tamén puxemos o noso toque persoal: os pétalos ían nuns cucuruchos de estampado de pentagrama -Quecha é profesora de música en Primaria- e unha das miñas mellores amigas, que é profe de Piano, regalounos un cuarteto de corda que, por suposto, tocou algunha panxoliña», contan os noivos. O convite celebrouse nun pazo, adornado con grandes velones e unha impoñente árbore de Nadal. Da carta encargáronse o noivo e o irmán de Quecha, «son de bo dente -di a noiva- e optaron por un menú moi galego con produto de tempada: carne con puré de castañas, rodaballo e xeado con queixo San Simón».

NON CAEU NIN UNHA GOTA

Se algún noivo ou noiva en cernes está a se pensar o de casar en Nadal por iso de pasar frío, que non renda o pánico. Quecha e Álex tiveron no tempo ao seu mellor aliado: «Non caeu nin unha gota. Ata me tiven que quitar a chaquetilla e non me privei de escotazo nas costas».

Cando esteas lendo esta reportaxe, outra parella, a formada por José Manuel e Nuria, estará en capela, como os toureiros... Levan xa uns días en Galicia -viven en Madrid-, aclimatándose para a ocasión e é que casan ¡mañá, 31 de decembro! «O verán pasado falamos de voda, un familiar díxonos que había ir a unha en Fin de Ano e que llo pasou xenial. Preguntamos a familiares e amigos que lles parecía a idea e dixéronnos que así xa tiñan plan para esa noite», asegura o case marido de Nuria. «É verdade que algún dixo ¡miúda data elixistes! Talvez a xente maior sexa máis reticente. O resto, encantados porque no verán é máis doado que a xente teña outros compromisos».

Máis de cento trinta invitados veranlles darse o ‘si quero' no Cenador de Cambre. Unha ligazón polo civil no que non faltará o tradicional cotillón e o chocolate con churros para repor forzas entrada a madrugada. «Estaremos atentos ao reloxo, porque cando chegue a medianoite veremos as badaladas nunha gran pantalla instalada para a ocasión». Sin duda, será unha voda fóra do común. E, aínda que a previsión apunta a choivas, pouco durará a paisaxe invernal nos seus primeiros días de casados: Zanzíbar será o seu exótico destino de lúa de mel.

A empresa que se encargará de organizar o evento, Josmaga, é a primeira de Galicia en volume de vodas. «Tranquilamente ocupámonos dunhas duascentas cada ano», -fai cálculos Manuel Díaz, un dos xerentes- «e confirmo que nos últimos dous, tres anos, o número de vodas do Nadal vai en aumento. Pero nunca tivemos tantas como leste. O día 30 de decembro temos unha, e tres o día 31». Aínda que para estas firmas non supón grandes cambios no seu modo de traballar, «hai que ter en conta que hai produtos, como o marisco, que son máis caros nesta época. Tamén custa máis contratar persoal, porque moitos camareiros teñen outros compromisos laborais. O que facemos é mirar todo con máis antelación para negociar prezos», sinala o profesional.

Tamén Love Lovely coincide. «Cada vez temos máis vodas de outono e os máis animados marcan a súa en Nadal ou Noitevella». Esta wedding planner galega atende calquera desexo dos noivos: «É moi importante a ambientación: unha gran árbore, unha decoración que evoque o inverno, o frío... Se fai falta ata fabricamos neve. Pomos detalles do Nadal nos pratos e na minuta: acivro, poliñas de canela ou de piñeiro. A verdade é que traballar nesta época encántanos porque dá moito xogo».

Alguén máis se anima a pechar o ano con voda?