Toda a vida coa mesma estrela

YES

ANGEL MANSO

A de 1973 foi o primeiro Nadal que a avoa de Patricia pasou na Coruña. Ese ano comprou unha estrela, a mesma que desde hai 44 anos decora a árbore familiar.

23 dic 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

«Mamá, cóntasme outra vez a historia da estrela?». Todos os anos, a principios de decembro, Patricia Prada e a súa nai abren a caixa cos adornos de Nadal. Non é unha caixa calquera. Dentro hai moitas historias, as historias da familia desta moza de 20 anos da Coruña. Porque nesta casa o Nadal é un momento moi especial. Mentres decoran a árbore, soan panxoliñas de fondo e na cociña cheira a chocolate quente. Patricia está a piques de colocar o adorno máis antigo da familia: unha estrela de papel cuberta de purpurina que a súa avoa comprou na papelería Porvén en 1973. «Os meus avós vivían no Uruguai e ese ano viñeron para A Coruña. Eran o primeiro Nadal que pasaban aquí e a miña avoa decidiu comprar esa estrela. Desde entón sempre a puxemos na árbore todos os anos».

PASO POLO QUIRÓFANO

Moi preto da árbore hai unha foto dese primeiro Nadal en Galicia. A estrela tivo que pasar por quirófano: «Está chea de celo e grapas, pero segue aguantando». Foron pasando os anos e a árbore foi sumando máis adornos. Cada un representa un momento especial. «O ano que nacín eu a miña nai comprou un angelito». Tócao coa man con cariño. Moi preto colga unha casiña. «Tróuxena o Nadal do primeiro ano que me fun vivir fóra de casa para estudar na universidade». Moi preto hai unha trompeta. «Comprámola porque de pequena tocaba o violín. Tamén temos un Papá Noel dos 70, bólas que lles trouxeron aos meus pais de agasallo amigos seus…». «Para min é un momento moi especial. Poida que non sexan os adornos máis bonitos nin a árbore mellor decorada, pero gústame escoitar as historias que me conta a miña nai e lembrar as anécdotas da miña avoa», confesa Patricia. O seu é un auténtico conto de Nadal.