Esta Noiteboa sáese

YES

ANGEL MANSO

O 24 DE DECEMBRO CEAMOS FÓRA É a noite máis caseira pero empeza a apuntar nova tendencia. As familias crecen, repártense polo mundo e xúntanse por Noiteboa... nun hotel, restaurante ou casa rural. A festa vaise coa casa a outra parte. Onde? Abre a carta.

23 dic 2017 . Actualizado ás 20:21 h.

As casas minguan, as familias crecen e expándense polo mundo, a vida laboral aperta (como a necesidade de alixeirar carga en casa) e as Avoas de sempre merecen, ademais dun altar, unha substitución na cociña que non acaba de chegar. Hai tendencias que cambian cos anos e outras que son a estrela da árbore cada Nadal. Fogar non é un lugar, é unha xente. E bacallau con coliflor ou pito de curral á parte, polvorón ou mazapán, a prioridade en Noiteboa segue sendo unha, estar xuntos. «É o máis importante», di Iria, portavoz dunha familia que vai gañando ramas e leva xa cinco anos celebrando a cea do 24 de decembro fóra de casa, e como en casa. «Xuntámonos 30 persoas facilmente, 15 familias. Probamos unha vez, gustounos e repetimos. Cando estaban os avós celebrabámolo na súa casa, pero despois empezamos a repartirnos», di. Unha casa rural deulles campo de xogo neutral fai un par de anos, pero a familia foi crecendo por Nadal, esa casa quedou pequena e mudáronse ao Pazo de Mella, en Cambre, que será un ano máis o seu punto de encontro familiar por Noiteboa. A Iria, Óscar e as súas fillas, Alba e Icía, tocaralles preparar canapés e tortillas. E en breve escribirán a carta a Papá Noel para contarlle que a noite do 24 non estarán en casa e dar acenos. O ano pasado soubo chegar, «e vímolo pola fiestra. Chamou á porta e foise... non se deixou ver moito». David Copperfield? Para mago do suspense, Papá Noel.

Na busca de «meeting point» familiar fose de casa para esta Noiteboa non o tivemos tan doado. Os nosos Michelin pechan cumprindo cos valores de casa, outros clásicos de prestixio no comer como en casa, como o Restaurante Ricardo, da Coruña, abren por Nadal, e en Noiteboa serven menús a domicilio con prezos que parten duns 50 euros por persoa. «Depende do que pidas, non é o mesmo que o entrante sexa un pastel de peixe, por exemplo, que un salpicón de bogavante», orienta Ricardo, que cada 24 de decembro arrinca a traballar ás cinco da mañá para ter a punto os encargos desa noite en cada fogar da Coruña que deixa o sabor do inicio do Nadal nas súas mans. Pero se máis que comer a mesa posta, queremos saír, hai pouco restaurante que se preste. Unha das opcións factibles o 24 de decembro sérvena os hoteis, e non todos, como é de agardar a véspera de Nadal. A tradición ten raíces e razóns para resistirse a cambiar. Na Coruña abren o Meliá María Pita ou o NH Collection Finisterre. E xa se pomos rumbo ao sur, atoparemos a porta aberta no Norat Grove e no catro estrelas Eurostars Illa da Toja, onde se pode reservar mesa e menú de Noiteboa (por 62 euros) a base de ensalada de lagostinos e chipirones, medallón de pescada, sorbete de mazá, perna de cordeiro e mousse de chocolate con froitos vermellos.

MONICA IRAGO

Atopar punto de encontro a tiro de pedra, un que contente a todos por igual e evite o clásico na túa casa ou na miña en Nadal, non ten prezo. «Esta é a primeira vez que abrimos en Noiteboa, vendo unha tendencia que vai a máis polas circunstancias de hoxe. As familias teñen xente en distintos lugares e necesitan un meeting point. É complicado ter un salón onde caiban ¡50 persoas!», advirten desde a dirección do Hotel Balneario Augas Santas, de Pantón (Lugo). Santiago Villanueva, a cargo de este resort que aúna ambiente e relax e que xuntará a máis de cen presentas na primeira noite grande das festas, apunta que, ademais dunha cea con clásicos que non fallan, como o salpicón, o bacallau ou o tronco de Nadal, a próxima Noite será Boa en ambiente e sorpresas. DJ, Apalpador, Santa Claus, Papá Noel?, viaxarán a noite do 24 de decembro renos e elfos ao corazón da Ribeira Sacra?, preguntamos. Pero a maxia non quere dar máis pistas e ata aquí podo escribir. A noite pode quedar a durmir neste hotel e soportar os excesos e o estrés propio das festas máis familiares do ano cun circuíto termal por Nadal. A cea vén con pack.

ROI FERNÁNDEZ

EN SANTIAGO COMO EN CASA

O camiño que leva a unha Noiteboa como as de casa pasa por Brión. E queda ao abrigo da lareira do Hotel Casa Rosalía, casa de labranza de case 300 anos que leva xa tres anos abrindo os días 24 e 25 de decembro. Lagostinos, vieiras, e (a elixir) pito de curral ou bacallau con coliflor (pero que rica a dúbida) serviranse á mesa das sete familias que esta Noiteboa que vén cearán alí e poden acabar coas sobremesas do Nadal típicas e as panxoliñas de rigor. «Serán unhas 110 persoas, e as reservas levan tres meses feitas... Para o Nadal, estamos completos. E non hai máis reservas porque non temos sitio, pero seguro que poderían ser o dobre», afirma José Manuel Castañeda, director xerente deste hotel gastronómico. «O concepto é diferente, vai coas necesidades dos tempos ?asegura?, pero conserva a esencia dunha Noiteboa en casa». Practicamente todas as familias teñen un salón independente para cear, salóns con nome: Murguía, Lareira, Claustro, Bastavales e Salón piscina. Familias hai de todo número, «desde unha de 40 a outra de 4 membros. Temos unha de renome con xente repartida polo mundo; uns están aquí, outros en Sevilla, e outros veñen de Australia, e necesitan un lugar para xuntarse».

ANGEL MANSO

Campá sobre campá, e a por a seguinte porta na Coruña. O Next Door é un dos poucos restaurantes, se non o único, que atopamos abertos por aquí a véspera de Nadal, e é un dicir, porque xa está «pechado» esa data para unha familia de 34 persoas, «do bisavó ao bisnieto». Este referente do slow food, que promove o comer san e caseiro priorizando ao produtor local e respectando o medio ambiente, leva uns cinco anos servindo menús (prezo mínimo, ao redor de 50 euros por cabeza) de Noiteboa. Unha cousa levou a outra, case todo é empezar, e se sabe ben, imos a máis. «A familia que ceará este 24 de decembro en Next Door son clientes, fixéronnos pedido para Noiteboa o ano anterior e preguntáronnos se había posibilidade de celebrar a cea nun local», explica Beatriz Arias, a cargo de Showcooking e este «community bar» da Grela que ofrece talleres de cociña do Nadal ou de táper saudables para levar á empresa e frear as cifras negras da OMS. A cea que arrinca o esprint do Nadal e que é aquí tan emblemática como en América o Acción de Grazas empeza neste caso con petiscos, segue con marisco fresco («adoita vir do Grove») e logo un gran clásico. «O bacallau é súper típico, pero tamén gustan un asado, pito recheo ou un roast beef», di Beatriz abrindo boca.

Se en Nadal non hai casa para tanta xente, ou queres probar, que saibas que, fóra, a Noiteboa tamén vén e vaise. E o importante non é cortar o bacallau, senón estar xuntos... un ano máis. E brindar. Tamén polos que se foron, pero aínda se senten en Nadal.