Móntache a cabana na túa árbore

YES

Gladys Vázquez / Álex López-Benito

VOLTA A La INFANCIAS Quen non soñou con ter unha casa así? Un deseñador de interiores galego púxose a iso. As súas construcións sorprenden: non danan a natureza e están feitas con materiais sostibles.

25 novs 2017 . Actualizado ás 15:40 h.

Esta é a historia de dous soños feitos realidade. O de Sonia, de 49 anos, experta en desenvolvemento humano. O de Luis, de 37, deseñador de interiores, con toda unha vida dedicada á madeira. Ela buscaba unha leira grande con casa pequena. Necesitaba espazo para os seus cabalos. «Necesitaba un lugar no que conectar a natureza cun mesmo. Tiña que invitar a espertar os sentidos». Así naceu o proxecto de Sonia. «Visitei a leira cada estación antes de comprala, aínda que en realidade desde o principio souben que este era o meu soño». Así se chama precisamente esta leira da localidade de Cambre, O Soño. Sonia agarda póla en marcha a pleno rendemento no 2018. Aquí fará coaching con cabalos, danza, mindfulness, ioga, camiñar consciente, «todo o que teña que ver co benestar persoal e a contorna». O lugar xa era perfecto para ela, só lle faltaba un detalle. E nese momento coñeceu a Luis. «De pequeno pasábame todo o día emulando ao meu pai e ao meu avó na carpintería, construíndo todo tipo de cousas e rubindo ás árbores», conta el. Xa de neno Luis Vilariño construía cabanas na árbore cos seus amigos. Fai uns catro anos decidiu lembrar esa sensación. «Empeceino a ver como unha forma de vida e mesmo como un modelo de negocio que aquí non existe. As cabanas teñen infinidade de posibilidades». A do Soño é xa a cuarta que constrúe. A primeira fíxoa en México, onde se formou e absorbeu unha cultura na que a construción de cabanas para vivenda está xeneralizada. As outras tres fíxoas realidade xa en Galicia. «Construímos unha como despacho. Hai mesmo quen as quere a nivel de chan».

NON VALE CALQUERA ÁRBORE

Sonia Sánchez asegura que o resultado da súa cabana «superou todo o imaxinado. E iso que xa me fixo unha idea ao observar as preciosas árbores que a sosteñen». Luis rebaixa o punto soñador. Non todas as árbores serven. «Hai que ter en conta a especie, o diámetro do tronco e o crecemento. O eucalipto non vale. Crece demasiado rápido». Esta cabana ten 18 metros cadrados construídos, dos cales 10 están cubertos. A estrutura sostense cuns pernos de aceiro que se inseren no tronco. «Non tocamos a medula da árbore para non causar danos». Un minucioso proceso chamado Wud que Luis desenvolve xunto a dous outras mentes, as de Jorge Carril e Paula Cora. «A parte cuberta a forma un teito abovedado, con fachadas realizadas con portas e fiestras recicladas. O tronco atravésaa e así conseguimos unha simbiose total. Usamos materiais sostibles». E poden ter luz ou auga? «Claro. Pódese usar para o que imaxines: zona de xogos, vivenda ou aloxamento». No caso da cabana do Soño, a súa dona defíneo á perfección. «Para min significa conectar co neno que levamos dentro».