Son Julio Iglesias... ¡E sábelo!

YES

V TELEVISIÓNS

CON ESE NOME CLARO QUE quedo COA túa CARA Son famosos desde que naceron e levan con bo humor dar que falar. Hoxe en YES descubrimos a Julio Iglesias, Jennifer López, Garcilaso de la Vega e Fidel Castro. Todo un luxo de personaxes.

03 sep 2016 . Actualizado ás 16:49 h.

Cando pola megafonía dalgún lugar público chaman a Julio Iglesias acéndense todas as alarmas. Empeza a murmuración e a rumoroloxía entre a xente.«Oíches ben? Está aquí Julio Iglesias! Os cidadáns quedan perplexos e agardan expectantes a aparición do cantante. Pero de súpeto? ¡Sorpresa para todos! O que aparece é un mozo de media melena, con cara de pillo e moi risueño. Acapara todas as miradas e produce na contorna comentarios e risos dos presentes. «Pasoume no traballo, nalgunha discoteca? É chamar a Julio Iglesias e todo o mundo se queda mirando a ver onde está», conta Julio .

TREINTAÑERO CUNHA FILLA

O Julio Iglesias galego non naceu en Madrid nin ten 73 anos. É de Boqueixón e ten 35. A súa nai deu a luz un 16 de xullo, coincidindo coa festividade do Carmen e patroa dos mariñeiros. Pero o Julio de Galicia nada de mar, de micrófono nin de escenarios. É un mozo de almacén. Traballa na nave que a empresa Vegalsa ten no municipio de Sigüeiro. E con respecto ao seu cónxuxe, nada de Isabel nin de Miranda, a súa parella sentimental é Ana Rial, unha arzuá coa que ten unha preciosa filla. A pequena da familia chámase Catalina e ten un ano e tres meses de vida. Así que, o único que comparte co cantante madrileño é o feito de ser o maior dos irmáns e a afección polo fútbol -xogou en varios equipos como o Prevediños ou o Boqueixón-.

O feito de bautizalo como Julio débese a que o seu padriño e avó paterno chamábase así e os seus pais optaron por seguir coa tradición para non perder o nome na familia. «Se teño un fillo romperei con esa tradición e no lle chamarei Julio. Se Ana está de acordo, poñerémoslle Enzo», advirte. Como está acostumado ao mítico vacile, xa llo toma con moito humor. «Aínda me vacilan agora con ese tema, pero xa me río. Ben sexa co típico ¡ole!, ¡me vale!, ¡lévame no avión!...», di entre risos.

Un nome que levanta todo tipo de especulacións e curiosas anécdotas cando é aclamado co apelido.

MARCOS MÍGUEZ

«A min o que vai é Extremoduro»

A Jennifer López gústalle Extremoduro. Nin o pop, nin Pitbull nin nada. E moito menos a súa homónima. «Non me gusta ela, nin sequera o estilo de música. Eu son máis de Extremo, de Fito e os Fitipaldis...», asegura. Pero o seu DNI é o que é, e contra iso non se pode loitar. Nosa J O particular é da Coruña, e os seus pais non lle puxeron o nome con premeditación e aleivosía, como puidese parecer. «Puxéronmo porque á miña nai lle gustaba e queríallo pór á miña prima, pero como non lle deixaron púxomo a min», explica esta moza de 21 anos que aínda lembra a expectación que espertaba de pequena no Materno Infantil da Coruña: «Cando me chamaban por megafonía para entrar na consulta, todo o mundo me miraba». Non foi a súa única experiencia en hospitais.

«PEDÍANME AUTÓGRAFOS»

«Cando me operaron o ano pasado dun tendón as enfermeiras cantábanme e pedíanme autógrafos», conta coa resignación de quen está farto de responder sempre ás mesmas preguntas. Entre outras cousas, di que hai quen mesmo lle pide o DNI porque non se cre que se chame así. «A verdade é que hai moitas Jennifer e moitos López», dígolle. «Pois si, pero ao oír o nome completo segue chamando moito a atención», indica. Non nos custa imaxinar que a nova, que estudou no Salvador de Madariaga, deixou pegada no seu instituto. Iso si, por moi cansa que estea el dos chistes e as preguntas, a súa nai houbéselle volto pór Jennifer: «Poríanmo de todos os xeitos», afirma.

Pois poida que lle guste Extremoduro, pero mirándoa ben o seu look non está tan lonxe de Jennifer López. A melena longa castaña, os cigarros ultra axustados e as Stan Smith nos pés ben poderían ser protagonistas de calquera videoclip da de Nova York. Como a cantante, a nosa coruñesa está relacionada co cine, aínda que non lle enfoquen as cámaras. «Traballo nos cines de Marineda City, xa me reincorporei. Estiven de baixa despois da operación porque quedei un pouco amolada», indica. Agora xa se atopa perfecta para mover as cadeiras... aínda que sexa a golpe de rock e non de J O.

Carlos Castro

«Os meus amigos sempre me chaman poeta»

A cuestión do nome non é baladí, así que nos deixamos levar polo sentimento como nunha égloga contemporánea: Garcilaso, atrévesche a facer algunha estrofa? E enseguida se esfuma o romanticismo. «Non están as cousas como para facer un pareado». Quen así responde é nin máis nin menos que Garcilaso de la Vega, un tipo único, xa o ven. «Que eu saiba non hai outro como eu en España, pero si é certo que en Latinoamérica existe mesmo como apelido Garcilaso de la Vega». A el púxollo o seu pai, Guillermo, como homenaxe ao poeta, a pesar da oposición da súa nai e da súa contorna. «A meu pai gustáballe, o é de Sarria e tivo a oportunidade de estudar, e supoño que lle tiña ou seu aquel, pero miña nai quería que fose Manolo». Garcilaso é único, con todo estaría disposto a duplicarse se tivese un fillo. «A min non importaríame poñerlle este nome a un fillo meu, pero teño 45 anos e polo momento non hai trazas». Garcilaso non coñece pormenorizadamente a obra completa do escritor renacentista, pero como todos os nenos que foron a EGB lembra recitalo en clase. «Imaxínate, todos vos profesores de Literatura fixéronme pasar por ese momento, pero non son un experto na súa obra», chancea. En calquera caso, para os seus amigos Garcilaso sempre foi o «poeta». É o clásico mote da cuadrilla que lle viña como anel ao dedo. Claro que a poesía hai ocasións en que o desborda todo, como cando ten que reservar mesa nun restaurante e alén pregúntanlle: a nome de quen? Garcilaso de la Vega entón acóllese á parte máis prosaica e aposta polos apelidos para que non haxa lugar a risos. «Prefiro dicir De la Vega López e así non hai opción ou chiste». Iso si, está habituado a escoitar un runrún cada vez que no médico ou nun lugar público alguén o chama en voz alta: «¡Garcilaso de la Vega!». Por se a estas alturas a algún lector sóalle o seu nome máis aló do poético que saiban que Garcilaso é o secretario xeral do partido político Converxencia 21. «A alguén pode soarlle estraño que con este nome forme parte dun partido galeguista», ri, e acepta aos puristas que mesmo lle advirten de que Garcilaso é en realidade un apelido: Garci Lasso. Quédense coa súa cara, que con este nome xa o damos por feito.

RAMON LEIRO

«Aínda non viaxei a Cuba»

Non leva a revolución no sangue nin moito menos pero é un aventureiro e un valente. Con 55 anos Fidel nunca viaxou en avión, e por suposto non foi quen derrocou á ditadura de Fulgencio Batista. «Nin en tempos de Franco nin despues usaron o meu nome con carácter de deshonra», comenta. A medida que van pasando os anos, Fidel dáse conta do nome que leva amais e que lle acompañará toda a súa vida. «Cando fun tendo uso de razón, que agora tampouco teño moito, deime conta do que pasaba». O seu avó foi o que lle puxo o nome, «era comunista e inculcoume esas ideas», explica. E el non dubidou nin un segundo en seguir esa liña e facerlle unha xogada ao seu fillo. «Chámase Diego, pero o seu segundo nome é Fidel». Diego Fidel Castro tivo que sufrir un pouco ou talvez, saborear esa fama na súa vida. «Quixen seguir a coña», explica Fidel.

A REVOLUCIÓN VIVE EN BUEU

A pesar de que Fidel non teña tido ningunha anécdota que contar debido ao seu nome, ao seu fillo algún profesor vaciláballe. «Xa sabes. Se cadra eran outros tempos e tiñan máis medo a dicirme algo», apunta chanceando. Pero seguro que hai algunha escondida e non a queres contar... dicímoslle. «Bo... o típico, cando vas a algunha administración e ao ensinar o DNI, mirábano, mirábanme, seguían mirando...», explica. Pero Fidel lévao moi ben. «É posible que haxa algún Felipe González solto», chancea. E se xa fose amigo seu...a invasión guerrilleira. Como para que a policía lles parase, pedíselles o DNI e atopásese con dous ex-presidentes como eles. ¡Falsificástelo!, dirían.

Fidel, contento co seu nome, non pensa cambiarllo. «Coñécenme todos así e se non, xa non me recoñecerían». Vive en Bueu pero é un apaixonado de Xixón. «No Facebook escribo apología de asturianismo». Isto vénlle de familia porque o seu pai, albanel, coñeceu á súa nai en Asturias, pero agora residen en Bueu. «Os meus valores catastrais chegaron á conclusión de que son unha alma libre e que cando hai moito porque hai moito e cando é pouco porque é pouco, así que mellor sen nada». Aínda queda por coñecer a terra do seu homónimo, pero o bo faise agardar.