O Moulin Rouge de Javier da Igrexa

Rocío García Martínez
rocío garcía A Estrada / LA VOZ

VIGO CIDADE

Miguel souto

O florista estradense inspirouse na estética do cabaré para montar no seu negocio un escaparate para o 14 de febreiro que non pasa desapercibido

31 ene 2023 . Actualizado ás 05:00 h.

O estradense Javier da Igrexa Parada converteu o baixo do número 109 da Avenida de Benito Vigo nunha oda ao amor. El mesmo foi o creador de toda a escenografía que ambienta o escaparate da súa florería e que se inspira en dúas das súas grandes paixóns: a música e o cabaré.

A Javier, que é unha cabeza inqueda, a idea ocorréuselle vendo un vídeo musical. «Encántanme os videoclips», confesa. «Estaba vendo o vídeo do tema Lady Marmelade, da película Moulin Rouge, con Christina Aguilera, Lil' Kim, Mya e Pink. Nel. Nel sae ese escenario cun corazón enorme ao que se sube por unhas escaleiras douradas», explica. «A min sempre me gustou moito o tema do cabaré. Tiña claro que algún día quería monta un escaparate inspirado no cabaré e vendo o vídeo dinme conta de que me viña ao pelo para o escaparate do Día dos Namorados», comenta.

Nin curto nin perezoso, Javier púxose ao choio para emular o vistoso videoclip coas súas propias mans. «Levoume o seu tempo. Non lle botei a conta ás horas porque o fun facendo a ratos libres, pero foron unhas cantas», di. Un gran corazón vermello de porexpán preside a composición, que se complementa con teas e chinchetas douradas. Un cartel con dobre sentido aconsella ao transeúnte: «Deixa florecer o amor».

A composición inclúe un «anxo do amor» no que Javier da Igrexa desprega a súa creatividade. Un manequín vestido de branco e vermello exhibe unhas ás xigantes de fieitos brancos naturais. «O traxe tamén o fixen eu mesmo. Facer disfraces é outra das miñas afeccións. Disfruto máis facéndoos que disfrazándome. Ese era dun disfraz de anxo-demo que fixera unha vez», conta Javier.

Por suposto, o escaparate complétase cunha chea de arranxos florais con rosas preservadas e outras ideas para regalar o día de San Valentín.

Javier traballa como florista desde o ano 2005, pero soña con selo desde que era un neno. «Na ESO xa tiña claro que me quería dedicar a isto. Os arranxos florais sempre me chamaron a atención. Ía a unha voda e sempre me fixaba no ramo da noiva. É algo que sempre me tirou», explica. Ao acabar o bacharelato, o azar púxolle en bandexa o seu primeiro traballo. «Entrei coa miña nai na florería Zarcillos e ao ver os diplomas que tiña alí colgados pregunteille onde estudara, porque a min me gustaría dedicarme a iso. Á parte de explicarmo, preguntáronme se quería empezar a traballar, porque xustamente estaban buscando xente. Así foi como empecei. Puiden compaxinar o traballo cos estudos de arte floral da Escuela Española de Arte Floral en Santiago», conta encantado.

Co tempo, Javier puido abrir o seu propio negocio na Estrada. Nel atopou a felicidade dando renda solta ao seu talento creativo. Javier non sabe se coa súa oda ao amor venderá ou non máis flores este San Valentín pero, polo de súpeto, pasoullo estupendamente.