Os aires modernos de Desiderio Pernas

Jorge Lamas Dono
jorge lamas VIGO / LA VOZ

VIGO CIDADE

O arquitecto tratou ámbitos tan diversos como a vivenda, os centros educativos ou os templos

28 ene 2023 . Actualizado ás 22:39 h.

Desiderio Pernas Martínez (1930-1996) foi o máis novo dos renovadores da linguaxe arquitectónica en Vigo a partir da segunda metade do século XX. Xunto con José Bar Boo, Agustín Pérez Belas, Francisco Yáñez Ulloa, Fernando Araújo Rodríguez e Tomás Pérez-Lorente mantivéronse atentos ás tendencias internacionais do momento e trataron de construír empregando linguaxes distintas aos usados polas anteriores xeracións. O arquitecto José Luis Varela Alén, no resumo da tese doutoral que realizou ao redor da figura deste personaxe, afirmou: «Arquitecto envorcado no seu oficio e afastado do mundo académico, o seu traballo permaneceu practicamente na sombra». No seu traballo, o arquitecto e investigador sinala que Desiderio Pernas estivo influenciado por Mies van der Rohe, Ludwig Hilberseimer e Arne Jacobsen, tres figuras imprescindibles na configuración da arquitectura contemporánea.

Á volta da viaxe que realizou a Chicago, Desiderio Pernas estreouse coa construción do seu propio chalé, situado na Gran Vía. «A vivenda do arquitecto condensa a bagaxe moderna que Pernas trae desde América, e que caracteriza a primeira década da súa produción arquitectónica na cidade», di Fernando Agrasar Quiroga na Guía de Arquitectura de Vigo 1930 ? 2000, COAG 2009.

No ámbito da vivenda, Pernas Martínez replicou un modelo de edificio de promoción da Caixa de Aforros na Coia da segunda metade dos anos sesenta do pasado século. Son os edificios de catro alturas do tramo inicial da avenida de Castelao, que contrastan coas torres posteriores. Nesa mesma época tamén deseñou edificios para a nacente avenida das Camelias e o barrio de Casabranca. Nese mesmo momento e espazo, o arquitecto deixou dous momentos definitorios da súa forma de entender a construción, o club de xubilados e a gardería da rúa Estrada. Os planos horizontais e funcionais presiden estes dous edificios.

Desiderio Pernas tamén realizou a súa achega á renovación da arquitectura relixiosa en Vigo coa súa proposta para a igrexa de Santa Clara na rúa de Ramón Neto onde plasma o cambio formal da Igrexa despois do Concilio Vaticano II, non tan espectacular como as realizadas por Conde Román, pero nesa mesma liña rupturista. Anos despois, tamén levantaría, cun esquema similar, a igrexa do Rocío. Completa a súa achega á arquitectura relixiosa da cidade a igrexa de Alcabre , aínda que neste caso, cambia radicalmente as súas anteriores formulacións.

Outro dos ámbitos explorados polo arquitecto vigués foi o ensino. Novamente, da man da Caixa de Aforros Municipal de Vigo, Pernas afrontou a construción do Colexio Universitario de Vigo, o Cuvi, a actual sede da Facultade de Filoloxía. Aí, déixase levar polas influencias norteamericanas, novamente presididas polas liñas horizontais integradas na contorna difícil pola irregularidade do terreo.

De similares características, incluso resolvendo dificultares espaciais parecidas, é a solución achegada por Desiderio Pernas Martínez para o colexio de educación especial Saladino Cortizo. Este edificio está incluído no catálogo de bens culturais do Plan Xeral de Vigo. Na súa ficha recóllese que «é un dos mellores logros da arquitectura moderna internacional», segundo o estudioso da arquitectura Agrasar Quiroga. A creación volve estar relacionada co nome do Mies van der Rohe, un dos máis grandes arquitectos do século XX.

No ámbito da combinación de vivendas e oficinas, en 1974, Pernas deixa outro exemplo singular na rúa dedicada a Policarpo Sanz, o coñecido como edificio Banco Simeón. Aí, realiza un rechamante xogo de volumes presidido por grandes xardineiras, algo parecido ao que fixo Bar Boo no Plastibar, aínda que neste caso, Pernas leva a vexetación ao exterior, humanizando o aspecto xeral da construción.

Pero a obra de Desiderio Pernas tamén se viu envolvida na polémica cando acometeu a remodelación do Teatro García Barbón por encargo da Caixa de Aforros. Achacóuselle ao arquitecto, mesmo por parte dalgúns colegas, a solución dada ao peche do edificio. Hoxe xa son poucos quen discuten o resultado final daquela operación.

O edificio Derby, situado na confluencia de Príncipe con Urzaiz, tamén foi criticado aínda que por diferentes motivos. Neste caso, apuntouse máis ao feito de que ocupase o espazo dun edificio querido por moitos vigueses, como era o caso do edificio Escaleira, que polo valor arquitectónico proposto por Desiderio Pernas.

Outro edificio de vivendas significativo é o coñecido como Castelar, na praza de Compostela, moi próximo a outra obra renovadora da arquitectura viguesa realizada por Xosé Bar Boo.

A pegada do arquitecto vigués tamén se pode apreciar en Bouzas, na sede do Instituto de Investigacións Pesqueiras, construído na primeira metade dos anos setenta do século XX. Mesmo en elementos de organización de espazos, como é o caso do monumento aos galeóns de Rande, no Castro, que conta con áncoras e canóns de barcos participantes na batalla.

O nome de Desiderio Pernas está hoxe en día incluído no rueiro da cidade cunha placa nun dos viarios da parroquia de Oia.