Chega a Vigo a comida con consciencia

María Jesús Fuente Decimavilla
maría j. fonte VIGO / LA VOZ

VIGO CIDADE

Óscar Vázquez

O restaurante Apromo apúntase á alimentación rica e sa sen etiquetas

05 dic 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

O movemento por unha alimentación consciente ou mindful eating gaña cada vez máis adeptos que buscan mellorar a forma de relacionarse cos alimentos e gozar plenamente da comida.

A cociña consciente trata de axudar a conseguir esas boas sensacións. É o que fai Siro González cos produtos que ofrece en Apromo, o seu restaurante da rúa Zamora. Pretende que os clientes gocen cos pratos que serve. Para iso, está convencido de que é importante saber o que leva á boca. «Convén coñecer o que se come e de onde vén, hai que buscar unha dieta equilibrada e sa para o corpo e o espírito», di o xerente do establecemento. A isto suma a necesidade de dedicarlle tempo, de facelo con certa pausa, e non só de engulir.

Entende que co acto para comer énchese o corpo de enerxía para seguir adiante. «Se observas á xente, vai en modo automático, con présa; se lle preguntas onde vai, non sabe responderche. É unha dinámica que nos empurra. Preguntas que tal a fin de semana e dinche: ‘A lume de biqueira'. E non saben nin o que fixeron. Non somos conscientes de cada momento que vivimos».

Presume de que o 95 % dos seus provedores son de proximidade, de quilómetro cero. Nalgúns sitios mesmo cultivan as hortalizas para eles: «É preciso comer san e coidar eses detalles. O peixe é de aquí, imos ao mercado, temos pastas frescas, as pizzas son de masa nai con fermentación de polo menos 24 horas. Ás veces temos dificultades para servilas porque hai días que se esgotan».

Está convencido de que a persoa que come ben se vai a atopar ben, non ao día seguinte, porque é un proceso, pero vaino notar. Mesmo, di, pode sandar. Pola contra, engade, comendo mal todos os días che podes intoxicar lentamente.

O seu restaurante naceu en época de pandemia, precisamente coa idea de axudar a mellorar a situación. «Na nosa oferta gastronómica buscamos san e rico, pero sen etiquetas; comer ben é comer rico», sinala. Na carta pódese atopar arroz de cogomelos e castañas, ensalada de robaliza con aceite verde de primeira prensa en frío, costela de vaca galega asada nove horas, pescada confitada con verduras... Tampouco as sobremesas pasan desapercibidos, como a torta de pementos de padrón, ou zumes como o de espinacas con té, jengibre e apio. Teñen prato do día, pero ¡ollo! Advirte que non é menú, para non crear confusión. O cliente que queira algo máis que o prato, terá que abonalo á parte, xa sexa bebida, sobremesa ou café. O prezo é de 8 euros. Se se toma auga, non sobe diso.

Para quen queira gozar dos seus pratos durante toda a semana, o prezo axústase a 7 euros. Pódese comer no local ou levar para casa. Cada domingo publica os pratos da semana seguinte co fin de que os clientes poidan planificar con tempo e saber o que van comer. A clientela é nunha parte importante da zona e tamén doutras que queren coñecer unha oferta diferente. «O enfoque é facer bonita a vida diaria, converter o ordinario en algo fermoso. Arriscámonos a dar consellos porque a xente está aberta ao que lle digas e toma nota.

Sobre o risco de abrir en pandemia explica: «Houbo xente que me propuña se montabamos un restaurante e de súpeto pensei que era o momento porque dispuña de tempo. É cuestión de adaptarse. É como saber navegar, hai unha tormenta e sales e cos teus coñecementos moves as velas». «Houbo que cambiar o xeito de pensar», comenta este santiagués.