Piden a Renfe máis frecuencias horarias de Vigo a Madrid e A Coruña

La Voz VIGO

VIGO CIDADE

XOAN CARLOS GIL

O último tren da tarde a Santiago, das 22.30 foi eliminado

01 dic 2021 . Actualizado ás 12:01 h.

Máis trens que conecten Vigo con Madrid e A Coruña. Esa é a petición da Confederación Xeral do Traballo (CXT) para Renfe, asegurando que existe máis demanda que oferta. O sindicato enviou unha carta remitida á Dirección Xeral de Renfe Viaxeiros en Madrid e en Galicia alertando que o Alvia que une Vigo coa capital de España das 8.55 horas non circulou o 12 de outubro nin o 1 de novembro, cando os demais trens estaban cheos «polo que houbo viaxeiros que tiveron que recorrer ao autobús ou ao coche particular». 

Ademais, tamén solicitan que se restableza o último tren de Vigo a Santiago, que saía ás 22.30, asegurando que tanto traballadores como estudantes o utilizaban. Ademais, coa apertura do centro comercial Vialia en Vigo, limítanse as opcións para a xente que acode a gozar das instalacións, xa que o último tren que parte cara á Coruña sae ás 21.35.

A opción de Renfe na actualidade, segundo explican desde a CXT, é que circule un tren dobre de xoves a domingo con capacidade para 558 prazas en lugar de 282, pero aseguran que non é solución. «Están a producirse aglomeracións de viaxeiros no arco de seguridade e polo tanto atrasos, nalgúns casos de ata 20 minutos, na saída dos trens». O que ocorre tanto en Vigo como na estación de Pontevedra, na que se chegan a viaxar ata 200 persoas, o que xera máis atrasos. 

Entre as peticións tamén figura a reposición do tren con saída de Vigo ás 6.58, cuxa circulación non está prevista pola entrada en servizo da Alta Velocidade. Deste xeito os que collen o tren para traballar en Santiago deben tomar o convoi das 6.40 ao non haber outro ata as 7.40, polo que chegan aos seus postos unha hora antes. «Ese tren das 6:58 anulado usábano moitos traballadores que exercen en Santiago, algúns de poboacións como Vilagarcía, Catoira, Pontecesures e Padrón que non teñen como chegar ao seu posto de traballo en hora se queren facelo en tren», explican.

Para rematar, segundo recolle Efe, a CXT tamén pide a mellora do servizo Vigo-Porto, xa que se están detectando atrasos recorrentes duns vinte minutos.