Vigo terá un orzamento o próximo ano de máis de 285 millóns de euros

VIGO CIDADE

XOAN CARLOS GIL

A administración local conxelará as taxas e impostos para aforrar catro millóns de euros aos vigueses, segundo informa o alcalde.

23 oct 2021 . Actualizado ás 01:45 h.

O Concello de Vigo traballa xa nos orzamentos do próximo ano. O alcalde, Abel Caballero, informou que o programa de gastos e ingresos superará os 285 millóns de euros. No 2019 o orzamento foi de 257 millóns, en 2020, de 267 e en 2021 acadou os 264 millóns. «É unha subida de case 28 millóns de euros», valorou Caballero. Estas cifras, ao seu xuízo, van permitir aumentar os investimentos e servizos e, ao mesmo tempo, contemplan a conxelación de todos os impostos e taxas municipais. «Deixamos de recadar e queda nos petos da xente, catro millóns de euros», afirma o alcalde para quen as contas van supor a creación de emprego.

A contas manteñen ademais a débeda cero e continúa cunha baixa presión fiscal, que esta moi por baixo da media de toda España e de Galicia. 

Por outra banda, tamén contempla 17 millóns de euros en exencións e bonificacións, dos que 8,5 son de taxas e prezos públicos. «Estamos diante dos orzamentos máis importantes da historia desta cidade, acompañados de conxelación de impostos, baixa presión fiscal e débeda cero», afirma o alcalde, que lembra que cando chegou ao poder a débeda era de 60 millóns de euros.