Fáltame o chip

Manuel Blanco Desar
Manuel Blanco Desar LIÑA ABERTA

VIGO CIDADE

11 jun 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Citroën desembarcou en Vigo en 1958. Empezou cun centenar de traballadores. Os seus primeiros vehículos foron as furgonetas 2 CV. Tardaron un mes en fabricar as 25 primeiras e vendéronse en Casabranca . Durante ese ano inaugural chegou a producir 400 vehículos. Por aquel entón non facía falta ningún chip. O que si resultou indispensable para arrincar en Galicia foi o empresario Félix Santamaría. A Zona Franca de Vigo levaba creada máis dunha década, mediante decreto de 20 de xuño de 1947 -BOE de 2 de xullo-. Se non fose por Santamaría…

Citroën é hoxe Stellantis. Stellantis deriva de Stello , que podería traducirse como «iluminar con estrelas». Non é o único cambio. Europa xa non é o centro do mundo. Francia está industrialmente á defensiva. España segue igual, sen unha gran industria propia que tire do I+D. Agora os coches necesitan chips electrónicos. Aquí, en Europa , non fabricamos chips tan eficientes como os asiáticos. É máis, nin sabemos deseñalos ben. E tan felices.

A fábrica de Citroën en Vigo é do antigamente malvado capital transnacional. Agora ten certificado de galeguidade/españolidade. Pero, canto resistirá a planta, incluso a firma? Renault tamén impulsa outro expediente temporal de regulación de emprego (ERTE) como o de Vigo en Palencia e Valladolid .

Relendo o Libro Blanco sobre Crecemento, competitividade, emprego -Retos e pistas para entrar no século XXI-, impulsado en 1993 polo grandioso Jacques Delors, doume conta de que Corea non é citada nin unha vez. China só tres veces, indicando que iniciaba a súa industrialización, que ía entrar no acordo comercial do GATT e que estaba a comezar a investir en redes de infraestruturas. 1993 parece a prehistoria económica, pero non o é. O que sucede é que os europeos avanzamos moi pouco e outros corren cal lebres. 

Así imos mal, pero que moi mal. Os chips son outra advertencia. Unha alegoría. As iniciativas de I+D da Unión e os seus Estados son ineficientes e ata estériles no ámbito industrial. En marzo do 2000, en Lisboa , a Unión Europea anunciou con gran trompetería que ía converterse na economía baseada no coñecemento máis competitiva e dinámica do mundo, capaz de crecer economicamente de xeito sostible con máis e mellores empregos e con maior cohesión social». Que riso. Agora, no 2021, di Bruxelas que vai converter a Europa na primeira economía circular, climáticamente neutra e sostible, baseada na tecnoloxía dixital». Seguro?

Paz e amor, irmáns. Rezade canto saibades.