Artistas de Lalín que deixaron pegada nos cafés de Vigo

Manuel Estévez

VIGO CIDADE

05 jun 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Os cafés, tiveron moita relación cos creadores, fosen músicos, pintores, escritores, poetas. A xeración do 98, con Pio Baroja, Azorín, Unamuno, Machado, Albéniz, entre outros. No Xixón madrileño, inesquecibles Umbral e galegos de terras luguesas que xa non están, Oroza, Grandío, Novoneyra.

Santiago de Compostela, reunía a Valle-Inclán, Rafael Dieste, Luis Seoane, igualmente Carlos Maside, o mesmo que ocorría no «Eironciño dous Cabaleiros», corazón de Ourense, na década dos sesenta, en «O Volter» ou Bar de Tucho cos «artístiñas», ao redor de Vicente Risco.

Inesquecibles Virxilio, Quessada, José Luis de Dios, Arturo Baltar, X. Pousa ou Vidal Souto, que nos acaba de deixar. Acisclo, Buciños e máis. Cando chegaban a Vigo, os seus pasos cara ao Derby, que fundase Albino Mallo, mais tarde, chamouse Imperial.

Existiu O Goya. Continúa o Bar Eligio, xa remocicado que vén de popularizar Domingo Villar no seu «Último barco» a través do inspector Leo Caldas, asiduo á tasca do taberneiro de Gomariz, esa terra, onde os monxes de San Clodio, da Orde de San Benito, introduciron o cultivo da vide, zona na que en tempos aínda recentes, o cineasta que tampouco está entre nós, José Luis Corda, creou a súa adega. En pé, Casa Roucos, na Rúa Santa Marta, inmediacións do Berbés, pegado ao convento de San Francisco, do que xa non queda nada do pasado e con certeza ocorrerá coa casa de Comidas, onde se instalase aqueloutro matrimonio procedentes do Ribeiro de Avia, inesquecibles, el, Sem de Cenlle; ela, Adela de San Amaro. Algunhas madrugadas podería estar Alexandro, pintor ourensán ou os de comarca do Deza e Lalín, Antón Lamazares ou aqueles que tampouco están, Laxeiro, Paco Lareo, Antonio Taboada «Willy», Alfonso Sucasas, mesmo o home de confianza de José Otero Abeledo, Antonio Costa, amante do dominou. De cando en vez, un dos grandes de Carballo, que se asentase na cidade olívica, Xosé Guillermo, de quen se pode contemplar algún retrato, realizado nunha das noites de inspiración, no recuncho bohemio, ao dono do local. Outrora non faltaba, Conde Corbal e Lemos, este último segue entrando igual que os ourensáns, o de Amoeiro, Antón Puído e o inseparable editor, Bieito Ledo, nacido en Padroso de Xunqueira de Ambía, un e outro, Vigueses Distinguidos, o primeiro na procura das filloas ou ás veces o escritor Méndez Ferrín. Nas paredes pódese ler algún poema escrito por Bernardino Graña, escrito outrora, inspirado no ambiente tabernario.

Músicos e artistas de fama que chegaban desde a capital de España, para subir ao escenario no Nova Olimpia, guiados por Gerardo Rodríguez, cliente da taberna e días recentes á noitiña, podíanse escoitar voces femininas, inspiradas na soidade, a nostalxia e os abalos dos barcos sobre a auga, o fado.

O último bohemio da cidade Secundino Diz, entra algunha que outra vez. A súa parada obrigatoria é Novo Derby, rexentado por Eusebio Prado, chantadino de Mariz e un cuarto de século detrás da barra. Situado na céntrica rúa Urzaiz, numero 21, ademais das excelentes receitas, regadas con caldos tintos da súa propia colleita, cepas dos bancales da Ribeira Sacra, embotellados na Adega Fontao de Belesar, a beiras do Camiño de Inverno, o que pasa por Lalín e outras terras do Deza, aos que o poeta pintor lle cantou: «O Sil faise galaico/ buscando ao pai Miño/ para abrazarse en Peares/ e facer xuntos Camiño./ Entre bancales e cenobios/ onde sodes sacro ríos/ dais latexado ao viño/ en meandros escondidos./ Mans-ana mencía/ sangue sacro que cativa/ en grata compaña/ a alma e corpo cultiva/ É melodía o brinde/ nas copas que se alzan/ mentres se visten de gala/ as cepas que vos abrazan/ Hai que volver brindar/ o paso de Belesar/ onde reside o acougo/ e un remanso de paz».

Inspiración diziana, o mesmo autor que asina os cadros que colgan nas paredes do local, presidindo a Sala-Comedor, un retrato do adegueiro, ataviado con capa da Hemandad dos Viños Galegos e a Catedral de Santiago, detrás. Os que se sintan á mesa, teñen preto obras saídas do estudo do pintor nonagenario, o mesmo que conta que o fabricaron en Vigo, con berce no país vasco e rexistro en Crecente, asiduo á terraza. Autor das pinturas «Do mar á mesa», «Receitas dos nosos Restaurantes» ou teas co enclave natural, ladeando o pai dos ríos xa por terras de Ourense, «Casa con viñedos», «Adega», «Embarcación», «Muíño» e recentes incorporacións, «Dor da traxedia», dedicada a Rosalía de Castro ou «O espello de Venus». Un luxo.