Sanidade anticipa novas medidas en Vigo pola mala evolución

VIGO CIDADE

M.Moralejo

O conselleiro García Comesaña ve probable que a cidade aumente o nivel actual de restricións

19 abr 2021 . Actualizado ás 16:48 h.

«Non me quero adiantar ó que diga mañá o comité, pero é probable que en Vigo teñamos que tomar medidas nos vindeiros días. Vigo non está en 150, aínda que realmente está moi cerquiña, pero a súa incidencia acumulada a sete días, multiplicada por dous, xa o sitúa nese valor», afirmou, durante unha visita a Verín, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña.

Desta forma, o titular de Sanidade da Xunta de Galicia anticipa o pase da situación do municipio de Vigo do seu actual nivel medio-baixo ao nivel medio, o que implicaría un aumento nas restricións. De confirmarse tras a reunión do comité clínico de mañá, a hostalería sería novamente o ámbito onde máis se notaría este cambio de nivel. O interior dos establecementos hostaleiros tería limitado a súa capacidade máxima permitida ao 30 %, mentres que nas terrazas se reduciría ao 50 %. Non se podería servir nas barras e non poderían estar sentados nunha mesma mesa máis de catro persoas.

Vigo ten a día de hoxe unha incidencia acumulada de 147,6 novos contagios por cada 100.000 habitantes nos últimos 14 días. A liña que marca o cambio é 150, pero o outro factor que ten en conta Sanidade é a incidencia acumulada en sete días. Neste caso, Vigo excede claramente a liña vermella. Mañá reúnese o comité técnico que asesora á Xunta. O seu ditame será determinante para saber se se aplican novas medidas na cidade.

A área Sanitaria de Vigo tamén experimentou un claro ascenso no número de casos activos nos últimos días, chegando agora aos 732 casos. Con todo, a ocupación hospitalaria aínda non é demasiado alta.